CaixaBank con San Xerome, a súa aposta polas nosas persoas continúa
Dúas persoas da Asociación San Xerome a carón dunha instalación artística en Caixabank
Asociación San Xerome / A Guarda
Un dos valores máis apreciados en San Xerome, e que hoxe en día marcan a diferenza, é a honestidade, a coherencia entre “o dito” e “o feito”.
Cando entramos nunha páxina web e o primeiro que atopamos escrito é: “Axudar como principio”; pedimos axuda e nola conceden -e non só unha vez, senón de forma reiterada con cada petición, na medida das súas posibilidades- o que estamos contemplando é compromiso social e sensibilidade, que nestes tempos son valores únicos, tan de agradecer.
En San Xerome isto o atopamos en Caixabank, na oficina coa que traballamos na Guarda, que leva varios anos atendendo ás necesidades sociais da nosa Asociación, con doazóns anuais reiteradas que nos permiten sacar adiante partes fundamentais dos nosos proxectos.
Este ano, e a pesares do clima de total incerteza no que nos atopamos, non foi distinto dos anos anteriores, e ante a nosa petición de axuda para acometer parte das obras de rehabilitación que o noso Centro precisa, como é unha rampa de accesibilidade ás instalacións da zona de ocio para as persoas usuarias da nosa Asociación, a resposta recibida por parte de Caixabank foi novamente positiva, proporcionándonos unha doazón de 9.000 euros para acometer a dita infraestrutura.
Dende San Xerome queremos trasladar o noso máis sincero agradecemento a Caixabank, non só polo apoio financeiro recibido, nesta e en anteriores ocasións, senón polo compromiso coa acción social e coas persoas máis vulnerables da nosa Comarca, persoas ás que San Xerome dedica o seu día a día.
Honestidade demostrada, Caixabank: dito e feito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario