12 de mar. de 2020

TOMIÑO

Douscentos rapaces e rapazas de Primaria aprenden educación vial da man de especialistas  

· A ANPA do colexio Pedro Caselles organiza a actividade por 3º ano consecutivo, coa colaboración da Policía Local, Garda Civil, DGT do Porriño e Protección Civil    
 
Un circuíto montado pola DGT do Porriño, permitía aos menores dos últimos cursos, aprender a circular en kart e en bicicleta, coñecendo as sinais de tráfico e respectando pasos de peóns
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Douscentos escolares de Primaria do CEP Pedro Caselles Beltrán, de Tomiño, recibiron educación vial da man de especialistas procedentes da DGT do Porriño, Policía Local e Protección Civil de Tomiño.  

 Ao longo desta semana, os distintos cursos, de 1º a 6º, foron pasando pola actividade. Un circuíto montado pola DGT do Porriño, permitía aos menores dos últimos cursos, aprender a circular en kart e en bicicleta, coñecendo as sinais de tráfico e respectando pasos de peóns.  

 En fronte, outro circuíto con vehículos da Garda Civil, Policía Local e Protección Civil, aos que os escolares podía subirse e coñecer en primeira persoa, pondo en prácticas distintos recursos, coma as alarmas e a radio frecuencia. As motos dos axentes de tráfico, as da Policía Local e os camións utilizados para sofocar incendios, fixeron as delicias dos pequenos aprendices.  

 A ANPA do colexio, que preside Viviana Mariño, organiza esta actividade por 3º ano consecutivo, coa colaboración do centro e do Concello de Tomiño, ademais das forzas implicadas na seguridade vial.  

 A través de charlas e vídeos de educación vial e prevención de accidentes, ademais da parte práctica, o alumnado vai achegándose ao mundo da seguridade e coñecendo os perigos dunha condución irresponsable baixo os efectos do alcohol ou outras drogas, etc.  

 Ismael Troncoso, responsable municipal de Seguridade, cualifica esta actividade coma necesaria e moi útil e agarda poder repetila nos demais colexios do municipio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario