O Concello de Tomiño crea unha comisión de seguemento para coordinar as accións municipais con motivo do Covid-19
As súas principais funcións serán facer seguemento das indicacións das autoridades sanitarias, dirixir as medidas pertinentes e coordinar a comunicación a nivel municipal
Informa: Concello de Tomiño
O Concello de Tomiño celebrou hoxe unha reunión con motivo da situación sanitaria xerada polo Coronavirus. Nesta reunión aprobouse a creación dunha comisión municipal de seguemento da situación do Covid-19, que ten como funcións facer un seguemento continuado das indicacións das autoridades sanitarias a nivel estatal e autonómico, e coordinar as accións pertinentes a nivel municipal. Así mesmo, esta comisión encargarase de coordinar a comunicación á poboación dun xeito áxil e veraz.
A comisión de seguemento estará composta polos concelleiros e concelleiras do equipo de goberno, que estarán encargados de executar as medidas nas súas áreas de competencia; representantes dos grupos da oposición; representantes dos traballadores e traballadoras e o responsable da policía local e será presidida pola alcaldesa, Sandra González.
A comisión reunirase de xeito ordinario unha vez ao día durante o tempo que dure a situación actual e de xeito extraordinario cando sexa preciso.
En aplicación das instrucións actuais das autoridades sanitarias e da administración estatal e autonómica, o Concello de Tomiño procede hoxe á cancelación de todos os eventos culturais e deportivos dos vindeiros días, entre os que cabe destacar o programa Reactívate, Medrando en Familia, Actividades extraescolares municipais, Programación de Igualdade, a Escola Municipal de Teatro, os cursos da OMIX, o Mercadillo de Goián e Tomiño, o curso para a obtención da ensinanza secundaria e a totalidade dos eventos deportivos municipais.
O Concello súmase ao chamamento á calma e á prudencia, e pide ás veciñas e veciños de Tomiño que sigan as indicacións oficiais en materia de protección e prevención.
Ningún comentario:
Publicar un comentario