3 de mar. de 2020

PONTEVEDRA

AS ILLAS CANARIAS APROVEITARÁN O ‘SABER COMO’ DO REVITALIZA PARA DESEÑAR PLANS DE XESTIÓN DE BIORRESIDUOS ADAPTADOS AOS CABILDOS INSULARES  

O conselleiro canario de Transición Ecolóxica, José Antonio Valbuena, afirma que o plan pontevedrés demostra na práctica a teoría de que “o problema dos residuos resólvese abordando de maneira decisiva a materia orgánica”

Valbuena, xunto con outros representantes do Goberno canario, de cabildos e concellos da comunidade autónoma, estivo hoxe na Deputación de Pontevedra nunha visita institucional na que foi recibido pola presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e o deputado delegado do Revitaliza, Uxío Benítez
Fotos: D.PO.

Infogauda / Pontevedra 

 O conselleiro de Transición Ecolóxica, Loita contra o cambio climático e Planificación do Goberno Autónomo Canario, José Antonio Valbuena, asegurou hoxe en Pontevedra que as Illas Canarias tomarán exemplo do Revitaliza para que os cabildos (administracións insulares equivalentes ás deputacións) deñesen os plans de tratamentos de residuos adaptados ás características dos seus territorios.  

 Valbuena, xunto con outros representantes do Goberno canario, de cabildos e concellos da comunidade autónoma, estivo hoxe na Deputación de Pontevedra nunha visita institucional na que foi recibido pola presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e o deputado delegado do Revitaliza, Uxío Benítez.    

 O conselleiro amosou a súa sorpresa pola “efectividade” do Revitaliza ao falar de resultados “espectaculares” tanto económicos como de reciclaxe nun prazo curto de tempo. Segundo sinalou, o Revitaliza “está demostrando de maneira práctica o que din os modelos teóricos, é dicir, que o problema da xestión dos residuos resólvese abordando de maneira decidida a xestión da materia orgánica”, o que ao seu entender aínda dá marxe aínda ao goberno canario para actuar e cumprir con rapidez os prazos marcados pola Unión Europea en materia de residuos.   

 Valbuena explicou que o goberno de Canarias debe encarar de maneira definitiva a xestión do lixo, un problema que afecta a todos os territorios e que non se tivo a valentía de afrontar. Sinalou que se ben ata o de agora esa xestión “era unha opción, agora é preciso transformala en obriga, o que suporá tomar decisións que non serán do agrado dalgunha xente”.  

O conselleiro de Transición Ecolóxica, Loita contra o cambio climático e Planificación do Goberno Autónomo Canario, José Antonio Valbuena  a esquerda da imxe - saudando ao vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera



 Neste sentido, indicou que o tratamento da materia orgánica é o grande reto que hai en Canarias xunto con facer unha recollida selectiva do resto das fraccións, polo que destacou unha vez máis os resultados do Revitaliza, que tratando coa compostaxe os biorresiduos tamén conseguiu “lanzar as taxas de recuperación das outras fraccións, envases e papel e vidro, ao tempo en que conseguiu unha redución de custes”. 

 “Non nos queda máis que aprender da Deputación de Pontevedra, dunha aposta como Revitaliza para que no caso dos sete cabildos insulares nas Canarias poidan acelerar iso que imos esixir vía Lei de Cambio climático: que cada cabildo teña nun prazo breve, arredor dun ano, o seu plan de tratamento de materia orgánica adaptado á realidade de cada unha das illas”, dixo, para engadir palabras de  agradecemento á Deputación “por ter aberto as portas e ensinado a súa práctica e darnos a oportunidade de seguir colaborando e incorporando o ´saber como´ que en Canarias teremos que aproveitar”.   

Modelo valente 

 Pola súa parte, o vicepresidente Mosquera agradeceu a visita dos representantes do goberno canario. Explicou que a delegación veu a Pontevedra despois de que o asesor Carlos Pérez fose a Canarias hai varias semanas e indicou, como xa fixera o conselleiro, que o problema cos residuos é mundial e hai que buscarlle solución.   

 Explicou que o goberno da Deputación de Pontevedra puxo a andar o Revitaliza aprendendo das experiencias e dos erros que había no mundo, optando polo tratamento en proximidade e por dispoñer dunha equipa técnica moi cualificada. “Todos falamos de que hai que mellorar a xestión dos residuos, pero despois evitamos ou obviamos a solución buscando escapatorias para non enfrontalo directamente. Se hai que melloralo, mellorémolo de verdade. Que aquí teñamos esta experiencia do Revitaliza traballada e funcionando é o que fai que se produzan estas visitas”, insistiu. 

  
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, acompañada polo vicepresidente César Mosquera e polo deputado delegado do Plan Revitaliza, Uxío Benítez, conversan con José Antonio Valbuena


 Pola súa parte, a presidenta Carmela Silva fixo fincapé en que  a Deputación de Pontevedra ten un forte compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e que “o Plan Revitaliza é un dos nosos programas estrela”. Lembrou que en só catro anos “superamos as expectativas, tanto en número de concellos adheridos, como na valoración que a sociedade fai deste programa, que mesmo chegou a converterse nunha referencia en España e tamén internacional”.  

 Por todo isto, Silva instou ás administracións –en concreto ás canarias presentes na reunión- a “tomar decisións valentes” porque “xa non valen parches ou tiritas, porque comeza a ser insostible o xeito en que estamos xestionando os residuos, o xeito en que estamos a tratar o Planeta. E este é un proxecto valente liderado polo noso vicepresidente, César Mosquera”, finalizou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario