#COVID19
Carmela Silva: "é a hora de atender á xente, sobre todo á xente máis vulnerable, todo o demais xa virá logo"
A Deputación de Pontevedra pon en marcha medidas sociais extraordinarias por máis de 4 millóns de euros para os concellos de menos de 20.000 habitantes
Comité de Seguimento fronte ao Covid19, reunido no Pazo Provincial
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
"É a hora de atender á xente, e sobre todo á xente máis vulnerable. Todo o demais xa virá logo". Deste xeito, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, dirixiuse esta mañá ao Comité de Seguimento fronte ao Covid19, reunido no Pazo Provincial, ao que deu conta das medidas extraordinarias que a institución está a activar en materia de política social, para achegar recursos aos concellos máis pequenos da provincia e ás familias en situación máis vulnerable.
Silva fixo un "recoñecemento enorme e emotivo" ás administracións locais "que cos gobernos municipais e tamén coa oposición de cada concello, están a crear redes de proximidade para ocuparse da xente que máis o necesita. E desde a Deputación teñen que saber que non están sos". Neste sentido, o goberno provincial vai activar de xeito inminente medidas extraordinarias por valor de máis de 4 millóns de euros en materia de política social, dirixidas directamente aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. As primeiras medidas inclúen a aprobación inminente das novas bases do Servizo de Axuda no Fogar e dos Servizos sociais comunitarios, por valor de máis de dous millóns de euros, así como a modificación das bases de Axudas de Emerxencia para achegar o antes posible, eliminando toda a burocracia, o medio millón de euros que se contemplan para os municipios. Estas axudas estarán dirixidas de xeito prioritario a aliviar a situación das persoas maiores que viven soas, e ás máis vulnerables a fin de garantir a alimentación, a hixiene e a limpeza e a desinfección daquelas zonas específicas e asimiladas que non poden atender directamente os municipios. Ademais, o goberno provincial anunciou a activación do Fondo de Continxencia de Deputación para situacións de emerxencia, dotado cun millón de euros e, igualmente se estudan medidas para incrementar e reforzar a Teleasistencia Domiciliaria. Do mesmo xeito, esta mesma mañá remitiuse unha carta aos gobernos municipais para que coñezan a suspensión de todos os prazos dos plans provinciais de investimentos como o Plan Concellos, Reequilibrio e DepoRemse.
"Queremos achegar os recursos en primeiro lugar, xa haberá tempo de xustificar", asegurou a presidenta que, sobre o servizo de Teleasistencia Domiciliaria sinalou que "queremos prestarlle unha especialísima atención xa que se benefician 652 persoas de 46 concellos. Pódolles dicir que estamos en contacto diario coa empresa concesionaria e moi pendentes das 126 persoas que non contan con apoio familiar ou social". Ao respecto, Silva adiantou que se están xa a estudar novas medidas dirixidas a esas persoas soas, como intensificar os seguimentos telefónicos de tal xeito que sexan ata diarios nalgúns casos. No caso do resto das persoas usuarias tamén se vai intensificar o seguimento, reducindo os prazos de quince días a unha semana.
Por outra banda, xa está a disposición do Goberno de España o material técnico, sanitario e de protección da Finca Mouriscade, da Estación Fitopatolóxica de Areeiro e da Escola de Enfermería. Dende a EFA Areeiro o goberno provincial pon a disposición material técnico e de laboratorio, que utilízase para poder facer probas do coronavirus, (centrífugas, microcentrífugas e minicentrífugas, block heater, cubetas, Maxwell RSC Instrument, micropipetas automáticas, pipetas automáticas, secuenciadores, termobloques, termocicladores, transiluminadores e vórtex); así como material de protección (guantes de vinilo e látex, alcohol, mascarillas e balas de algodón), neste caso, tamén a disposición dende a Finca Mouriscade. No caso da Escola de Enfermería, trátase de material de protección (máscaras, batas e colectores de desinfectantes), pero tamén do propio persoal (4 enfermeiras, un médico e unha farmacéutica).
Respecto á casuística especial de Príncipe Felipe, área prioritaria para o goberno nesta crise sanitaria, a presidenta sinalou "entendo tódalas inquedanzas pero pido comprensión", ao tempo que anunciou que mañá mércores visitará o centro para manter unha reunión co seu director, e máximo responsable, e as distintas direccións de centros, co obxectivo de supervisar as medidas e actuacións que se están a dispor alí. "Estamos a reforzar os medios e o persoal na atención sanitaria, e duplicando a vixilancia, para manter toda a actividade e garantir a seguridade tanto das nenas e dos nenos coma do persoal do centro", informou Silva. Sobre a "plena actividade" de Príncipe Felipe, "estamos a falar da infancia, de nenas e nenos que están en especiais situacións". Pero tamén destacou que se extremaron todas as medidas de hixiene, se habilitaron espazos de illamento e, dende a pasada semana que se ten coñecemento do protocolo da Consellería, estanse a seguir todas os plans e pautas indicados por Política Social. Ademais, o director do centro ten a directriz de formular de xeito inmediato calquera necesidade que teñan de material ou incluso contratacións.
Polo demais, a presidenta explicou que se pediu a todas as empresas concesionarias e as que fan obras ou prestan servizos á Deputación de Pontevedra, o plan de acción e de protección de persoal. "Estamos a facer un seguimento destas cuestións para ver que se cumpran e garantir así a seguridade e saúde das persoas", destacou Silva. A presidenta provincial expresou a súa confianza na superación desta crise e manifestou o seu orgullo polo "marabilloso comportamento da cidadanía". "Estou plenamente convencida que imos saír desta situación como unha sociedade mellor porque, amais, tomamos conta nesta crise do fundamental que é o servizo público e un estado de benestar como o que temos". Silva tamén aproveitou a reunión do Comité de Seguimento, a primeira na que participa a oposición co seu portavoz Jorge Cubela, para transmitir o seu agradecemento a todos os axentes implicados, "que están tendo un comportamento de 10, síntome moi satisfeita".
Silva quixo agradecer o traballo "dende o meu equipo, ata as xefaturas de servizo, especialmente a Recursos Humanos, todo o persoal traballador, e os sindicatos, pola colaboración e esforzo para organizar todo en tan poucas horas. Quero tamén resaltar e poñer en valor o comportamento exquisito das deputadas e deputados do PP na Deputación de Pontevedra, que colaboraron e están a colaborar en todo o momento de forma implícita". Neste eido, no que respecta ao funcionamento político da institución provincial, o Comité acordou pospoñer tanto as comisións informativas como o Pleno, e trasladar os acordos da Xunta de Goberno mediante Resolucións Presidenciais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario