Arranca o curso de cociña de pratos de culler con produtos de tempada do Rosal
· Celebrarase todos os luns de 09:30 a 12:00 horas, ata o 6 de abril
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, deu a benvida a todas as persoas participantes
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
Xa está en marcha un novo curso de cociña organizado polo Concello do Rosal. Dende hoxe ata o vindeiro 6 de abril, os 16 participantes neste curso acudirán cada luns á cociña municipal situada fronte ao pavillón para aprender a facer pratos de culler aproveitando os recursos da zona e produtos propios da tempada de inverno.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, deu a benvida a todas as persoas participantes e animounas a desfrutar da experiencia e a sacarlle o máximo partido ao que se irá ensinando no curso.
En total serán máis dunha ducia de horas de duración na que todos os rosaleiros e rosaleiras participantes descubrirán os segredos para facer un bo prato de culler tan típico desta época do ano botando man dos recursos naturais da contorna. Unha oportunidade única para aprender e desfrutar dunha experiencia gastronómica tradicional e auténtica vinculada ás nosas raíces.
Ningún comentario:
Publicar un comentario