10 de mar. de 2020

O ROSAL

Nace a Plataforma para a  Defensa da Sanidade Pública do Rosal  

· Aglutina a todos os sectores do municipio e arranca cunha táboa de reivindicacións e melloras na sanidade da contorna  

Nas imaxes pódese apreciar a asistencia de veciñas e veciños do Rosal no acto convocado polo Concello para constituír a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal
Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 Tras o deterioro progresivo dos servizos sanitarios de atención primaria no municipio e a falta de solucións, o Concello vén de constituír a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal, que nace aglutinando a todos os sectores do municipio  para denunciar as carencias dos servizos de atención primaria mediante a denuncia pública de carencias estruturais ou puntuais da sanidade pública, a través da convocatoria de actos informativos e mobilizacións e adheríndose a convocatorias de outras plataformas en defensa da sanidade pública.  

Táboa de reivindicacións 

 A plataforma arranca a súa andaina cunha táboa de reivindicacións á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, esixencias que buscan dar solución as necesidades e carencias actuais na contorna e poñer así freo aos recortes nos servizos da sanidade pública, algo que está poñendo en perigo a vida das persoas. A sanidade, igual que a educación ou o transporte público, deben ser cuestións transversais”, como asegurou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández. 

 Entre as reivindicacións atópanse a ampliación do cupo de persoal sanitario do centro de saúde do Rosal cunha praza para persoal médico, dúas prazas para persoal de enfermería e coa recuperación da praza de matrona, ademais da ampliación da consulta de pediatría a todos os días da semana e a cobertura de todas as baixas e vacacións do persoal sanitario tanto no centro de saúde como no consultorio médico de Tabagón. Entre as demandas tamén se recolle que a xestión do transporte programado se faga sen antepoñer a rendibilidade do servizo aos tempos e condicións do transporte e sen atentar contra a seguridade e calidade de vida dos usuarios e usuarias, como está a suceder na actualidade co servizo de hemodiálise”.  

 As demandas da plataforma recollen necesidades non soamente no concello rosaleiro, senón tamén na comarca. Así, pide que o PAC de urxencias da Guarda conte con doble equipo todos os días, garantindo a atención de urxencias de xeito continuado; a ampliación do horario de asistencia da ambulancia de Tomiño ás 24 horas para evitar a falta de cobertura actual; o establecemento dun servizo de radioloxía no centro de saúde da Guarda e a posta en marcha de liñas de transporte público que garantan a accesibilidade diaria e en horarios razonables aos centros sanitarios de referencia”.  

 A constitución desta plataforma foi aprobada en pleno por unanimidade o pasado mes de outubro para “facerlle fronte á situación na que se atopa a sanidade pública no Concello do Rosal que, se ben non é o único concello da comarca afectado, si é un dos municipios no que os problemas teñen unha incidencia maior, coa peor ratio en termos de usuarios e usuarias por persoal sanitario e cunha precarización xeralizada que se acentúa canto máis nos achegamos a zonas rurais”, como salienta a alcaldesa. 

 Ademais, dende o Concello do Rosal e a nova plataforma anímase a toda a veciñanza a participar na manifestación en defensa da sanidade que se celebrará na Guarda o vindeiro 14 de marzo convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario