1 de mar. de 2020

MEDIO AMBIENTE

REPRESENTANTES DO GOBERNO CANARIO, CABILDOS E CONCELLOS INSULARES VISITAN ESTE LUNS E MARTES PONTEVEDRA PARA COÑECER O PLAN REVITALIZA  

As e os representantes visitarán centros de compostaxe comunitaria polos concellos de toda a provincia

Infogauda / Pontevedra 

 A Deputación de Pontevedra recibirá os vindeiros luns e martes a unha delegación de representantes do goberno autónomo canario e de varios cabildos e concellos insulares interesados en coñecer in situ o Plan Revitaliza para replicar despois o modelo no seu territorio.   

 Entre outros, estarán en Pontevedra o conselleiro de Transición Ecolóxica, Loita contra o cambio climático e Planificación, José Antonio Valbuena; o viceconselleiro de Loita contra o cambio climático, Miguel Ángel Pérez; o director xeral José Domingo Fernández; o xefe de gabinete José Luis Figueroa; e o asesor Ryco Bejarano García; ademais de representantes do Cabildo de Palma, dos concellos de Breña Baja, Barlovento, Garafía, Los Llanos de Aridane, Fuencaliente de la Palma, Villa de Mazo, Tazacorte, Puntallana, Tirajafe, e Mazo, xunto con outras entidades e entidades públicas e privadas.  

 O programa de traballo será moi amplo. O luns a delegación visitará o centro de compostaxe comunitaria (CCC) de San Antoniño (Barro), os dous de Tío Benito e da veciñanza en Barrantes (Ribadumia), dous dos CCC en O Grove, Portonovo, Moaña, Vilaboa, e as instalacións do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza. Tamén se realizará unha sesión técnica con presentación de datos económico/técnicos actualizados do Revitaliza. Xa o martes, continuarán as visitas aos CCC no municipio de Pontevedra, tamén haberá unha charla explicativa do Revitaliza e realizarase unha recepción institucional na que se valorará o percorrido realizado.   

 Esta nova visita á provincia de Pontevedra, segundo anunciou o vicepresidente pontevedrés César Mosquera, é unha mostra máis do interese do Revitaliza polo mundo adiante. En concreto, e en relación ao territorio canario o deputado nacionalista destacou que o programa pontevedrés é perfectamente adaptable polas súas características.

Ningún comentario:

Publicar un comentario