O exemplar de lobo mariño atopado en Burela en xaneiro embarca para ser liberado unha vez completada a súa recuperación
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá en Vigo no operativo para trasladar a Silbur no arrastreiro ‘Patricia Marta’ ata augas do Gran Sol, onde se procederá á súa solta
Silbur será liberado nos próximos días en augas do Gran Sol
Fotos: X.G.
Infogauda / Vigo
Silbur, o lobo mariño atopado en Burela en xaneiro con síntomas de deshidratación, será liberado nos próximos días en augas do Gran Sol. Esta mañá procedeuse a embarcar desde Vigo ao exemplar no arrastreiro Patricia Marta, no que será trasladado cara ao norte, ata un lugar axeitado para realizar a súa solta.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, supervisou persoalmente o operativo
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, supervisou persoalmente o operativo, que permitirá devolver a este lobo mariño ao seu medio natural, grazas á colaboración desinteresada do armador e despois de que nas últimas semanas recibira os coidados necesarios para garantir a súa completa recuperación.
Esta acción, tal e como lembrou Vázquez Mejuto, forma parte da colaboración que desde o ano 1999 vén mantendo a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), para garantir a asistencia dos animais que aparecen varados na costa galega e a recuperación dos que o fan en mal estado ou feridos.
Os termos do convenio garanten unha asistencia as 24 horas do día por parte dos membros de CEMMA, mentres que o departamento autonómico aporta o financiamento necesario. Neste sentido, a conselleira indicou que nos últimos 10 anos e grazas a esta colaboración entre ambos organismos, atendéronse en total 410 animais vivos.
Silvio de Burela
Desde o pasado mes de decembro, apareceron un total de 14 lobos mariños nas costas galegas. No caso concreto de Silbur (abreviatura de Silvio de Burela), o animal foi atopado o 21 de xaneiro no porto burelés con síntomas de deshidratación e varios traumatismos. No momento da súa localización, medía 110 centímetros e pesaba 27 quilos, ademais, negábase a volver ao mar, polo que foi trasladado á UCI de lobos mariños do establecemento veterinario que a Cemma ten en Nigrán.
A súa evolución foi favorable, o que lle permitiu gañar peso ata alcanzar os 33 quilos e quedar fóra de perigo en poucas semanas. Una vez superada esta primeira fase da recuperación, procedeuse o 6 de febreiro ao seu traslado ao Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), dependente da Consellería do Mar, paso previo á súa solta. Alí, Silbur permaneceu varias semanas máis nun tanque exterior de gran tamaño, ata que o persoal responsable do centro constatou que o seu estado era óptimo e lle deu a alta
Ningún comentario:
Publicar un comentario