O PP reclama que se conte co sector mar-industria galego para a modificación do regulamento de Costas
• Deputados populares defenden este venres no pleno provincial a moción proposta polo sector.
• Denuncian que a modificación que propón o Goberno central introduce aspectos restritivos que xeran inseguridade xurídica.
• Consideran fundamental que haxa un “escenario claro e preciso para que as empresas poidan seguir coa súa actividade con normalidade”.
Javier Tourís Romero, deputado do grupo provincial do Partido Popular de Pontevedra
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
O grupo provincial do Partido Popular traslada este venres no pleno da Deputación de Pontevedra a moción proposta polo sector mar-industria galego para que o Goberno central conte con eles e coa singularidade de Galicia para elaborar a modificación do Regulamento Xeral de Costas.
O deputado provincial, Javier Tourís Romero, destaca que o PP leva advertindo desde abril da inseguridade xurídica que xeran tano a reforma da lei de Costas que pretende acometer o Goberno do Estado, como a aplicación hiperrestritiva que está a facer da normativa vixente. De feito, recorda que esta estrita interpretación da normativa xa está a afectar a algunhas empresas que viron como a renovación da prórroga das súas concesión se producía por un tempo inferior a un ano.
“Hai moitos traballos en xogo, pero tamén moitos investimentos. Esta inseguridade desalenta para facer un plan de investimentos a medio ou longo prazo, e pode provocar un desastre se moita da industria do sector terra-mar abandona os concellos da provincia”, lamenta. Por iso, considera que é fundamental que haxa un “escenario claro e preciso para que as empresas poidan seguir coa súa actividade con normalidade”.
Na moción proposta polo propio sector, bateeiros, confrarías, granxas de cultivo de especies mariñas, depuradoras, cetarias, cocedoiros de moluscos, conserveiras e outras industrias de transformación dos produtos mariños da provincia, consideran que o Goberno central quere introducir aspectos restritivos no regulamento que xeran inseguridade xurídica. Os populares apoian as reivindicacións do sector en favor da seguridade xurídica das empresas e do resto de edificacións públicas asentadas no litoral e que están en risco polas decisións do executivo central, e por iso propoñen ao pleno provincial reclamar que o Goberno teña moi presentes as singularidades de Galicia á hora de desenvolver o regulamento de Costas, xa que o que se está tramitando actualmente amosa un claro descoñecemento da realidade social de Galicia. Por iso solicitan que se elabore un estudo, con carácter previo, do impacto socioeconómico que a reforma puidera supoñer para estas empresas.
Ademais, piden que a reforma da normativa de Costas manteña o actual sistema regulatorio das concesións de ocupación do dominio marítimo-terrestre para os establecementos do complexo mar-industria alimentario, dada a súa vital dependencia da captación directa da auga do mar e, por tanto, resulta imprescindible para su funcionamento a ocupación parcial desta zona. Por último, solicitan unha mesa de análise e negociación cos sectores vinculados ao mar para acadar un acordo que permita que o proxecto teña en conta a relevancia socioeconómica do sector do mar de Galicia e as súas reinvindicacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario