11 de feb. de 2020

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra publica as bases de "Depotermal 2020" e abre o prazo de solicitudes para os concellos  

O goberno provincial destinará este ano case 130.000 euros ao impulso de accións que potencian o envellecemento activo e dinamizan a economía da provincia


Infogauda / Pontevedra

 O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra vén de publicas as bases reguladoras do programa "Depotermal 2020" que, este ano, conta cun orzamento de 128.667,84 euros. Nesta nova edición do programa de termalismo da deputación ofértanse case 4.500 prazas, das cales 434 están reservadas a persoas en situación ou risco de exclusión social.

 Todos os concellos da provincia de Pontevedra poderán sumarse a este programa de termalismo mediante a solicitude de adhesión dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal). As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos e o prazo de presentación será de 10 días hábiles que comezarán a contar a partir do día seguinte ao da súa publicación no BOPPO, que tivo lugar este martes día 11 de febreiro de 2020.

 Unha vez publicada no BOPPO e na web institucional a lista de concellos adheridos, comezará o prazo de presentación de solicitudes das persoas beneficiarias, que será de 20 días hábiles a partir do día seguinte á devandita publicación. Estas solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede dixital da Deputación de Pontevedra. Poderán beneficiarse de "Depotermal 2020" todas as persoas empadroadas na provincia de Pontevedra nadas antes do 1 de xaneiro de 1970, pensionistas, cun recoñecemento do grao de diversidade funcional igual ou superior ao 65% ou que precisen dun respiro familiar.

 Este ano "Depotermal 2020" oferta 4.434 prazas distribuídas na modalidade de asistencia diaria aos establecementos termais durante cinco días consecutivos e na de pernoita con pensión completa. Na primeira das modalidades, a Deputación de Pontevedra oferta 1.248 prazas das cales 248 (4 por cada concello adherido ao programa) resérvanse a persoas en situación ou risco de exclusión social. No caso da modalidade de pernoita con pensión completa, o goberno provincial oferta 3.186 prazas das que 186 (3 por concello) resérvanse a persoas en situación ou risco de exclusión social.

 Deste xeito, a través de "Depotermal 2020" a Deputación de Pontevedra pretende fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que poidan levar á vulnerabilidade. Amais, o programa da institución provincial tamén está a facilitar o acceso ao turismo de saúde e a dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario