A presidenta da Deputación de Pontevedra anuncia a posta en marcha dun novo proxecto para fomentar "o gusto polo coñecemento científico e inspirar ás nenas"
No Día da Muller e da Nena na Ciencia, a presidenta amosa a súa preocupación polo descenso do número de mulleres matriculadas nas STEM e apela á necesidade de visibilizar referentes femininas no ámbito científico
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, no Día da Muller e da Nena na Ciencia, que conmemorou na sede provincial en Vigo xunto á xunta directiva do Colexio de Enxeñería
Foto: D.PO.
Foto: D.PO.
Infogauda / Vigo
"Si, hai mulleres, pero temos que traballar moito para que as mozas decidan estudar carreiras STEM". Foi a reivindicación da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, no Día da Muller e Nena na Ciencia, que conmemorou na sede provincial en Vigo xunto á xunta directiva do Colexio de Enxeñería, paritaria por vez primeira, "o que é de celebrar porque o mundo ten que ser de nosoutras e de nosoutros, de homes e mulleres traballando xuntas e xuntos para cambiar o mundo".
A presidenta provincial amosou a súa preocupación porque "ten descendido o número de mulleres matriculadas nas STEM" xa que a día de hoxe "non representamos o 25% das persoas matriculadas o que significa que o mundo vai seguir en mans dos homes, que supoñen o 75% das persoas matriculadas nas STEM". Ao respecto, Carmela Silva informou que "imos poñer en marcha un proxecto xunto ao Colexio de Enxeñería, que complemente a outros xa existentes, para ser capaces de sumar sinerxías e poder xerar o gusto polo coñecemento tecnolóxico, científico e innovador e inspirar ás nenas e mozas".
Silva apelou a que a escasa matrícula de mozas neste campo débese, en parte, "a que non teñen referentes". Así, a presidenta aproveitou a ocasión para facer fincapé na necesidade de "visibilizar ás mulleres, facer campañas, visitar centros educativos para espertar a paixón e vocación polas STEM" e nomeou, neste eido, a mulleres da talla de María José Alonso, a investigadora española máis influínte na área de farmacoloxía; Miriam Pena, unha das doce enxeñeiras con maior proxección en Silicon Valley; África González, unha das mulleres referentes en nanotecnoloxía; Marisol Soengas, especialista en microbioloxía; ou María Teresa Miras, catedrática en Bioquímica.
A presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para enxalzar o importante papel da enxeñería, e destacou o elevado nivel formativo e técnico das enxeñeiras e enxeñeiros e o papel da enxeñería que "transforma o espazo público, as infraestruturas, mellora as edificacións e o medio ambiente". Neste aspecto, Silva instou ás administracións competentes para que "aposten polas enxeñerías, por unha política industrial, enerxética, de edificación, de mobilidade, que poña en valor todo este coñecemento" así como para que "se tomen moi en serio a creación do marco para que este coñecemento acabe converténdose en proxectos económicos de futuro".
Ningún comentario:
Publicar un comentario