Víctor Arufe: “A primeira clave para unha boa educación radica na actitude coa que afrontamos a vida”
Mellor profesor universitario en 2017, protagonizou unha charla moi interactiva co público na terceira xornada da V Semana da Educación de Tomiño
Víctor Arufe, protagonizou a terceira xornada da V Semana da Educación de Tomiño
Fotos: C.T.
Infogauda / Goián (Tomiño)
“Non é nada doado educar na sociedade actual, superficial, dividida e enfrontada, cambiante, tecnolóxica, normalizadora e na que prima non esforzarse e a inmediatez”. Para Víctor Arufe, protagonista da terceira xornada da V Semana da Educación de Tomiño, é nesta idea onde radica unha das claves para unha boa educación hoxe en día, unha educación que debe ten os seus piares na sociedade, na escola e na familia. Apaixoado da educación e premio como mellor profesor universitario en 2017, Arufe abordou dunha forma moi práctica, orixinal e sinxela as bases que deben primar na educación dos nenos e nenas.
Unha educación que comeza na familia e na propia actitude dos pais e nais ante a vida. “A morte non é que se pare o corazón, é deixar de desfrutar da vida. Temos que ter en conta que o éxito hoxe en día radica en conxugar a vida laboral coa familiar e social. E a primeira base da educación dos nosos fillos e fillas sairá da casa, que vexan que desfrutamos da vida é a mellor herdanza que lles podemos deixar”, resaltou Arufe.
Pero tan importante como transmitir esa actitude positiva é conseguir comunicarllo aos nenos e nenas, aos adolescentes... e para iso é fundamental “falar a mesma linguaxe que os nosos fillos e fillas. Hai moitos pais e nais que non son capaces de empregar a mesma canle de comunicación que os seus cativos e cativas e se non se fala o mesmo idioma a comunicación será inviable”.
Como salientou o profesor durante o encontro, os cambios na sociedade fan que educar sexa “unha tarefa complexa. Antes tiñas que obrigar aos nenos e nenas a volver a casa ás 9 da noite, agora tes que darlle un premio cada vez que saen á rúa a xogar. Agora non saben aburrirse, cando o aburrimento é unha das claves para fomentar a creatividade”. Son soamente algúns dos principais problemas que Arufe repasou e tentou atallar coas nais, pais, persoal educador... que acudiu ao Auditorio de Goián a desfrutar da xornada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario