25 de feb. de 2020

CULTURA

O MUSEO CASA DE LA TROYA RECIBIU NA DELEGACIÓN DA XUNTA DE GALICIA EN MADRID, O PREMIO “MEMORIAL JOSÉ ANTONIO DÍAZ  RENESES” AOS VALORES DA TUNA   

Ao acto, que contou coa proxección do documental “La Compostela de la Casa de la Troya” e a actuación musical de Troyanos de Compostela, asistiron preto de 200 persoas

Intervinientes e actuantes pousaron nunha ampla foto de familia  como recordo do encontro
Fotos: Casa de Galicia


Infogauda / Madrid

 A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acolleu onte a entrega do premio “Memorial José Antonio Díaz Reneses aos valores da tuna” ao Museo Casa da Troya por “o respecto e o traballo pola conservación e a promoción do patrimonio cultural da nosa irmandade universitaria” e a homenaxe a Alejandro Pérez  Lugín no 150 aniversario do seu nacemento. 

 No acto, ao que asistiron preto de dous centenares de personas, proxectouse o documental: “La Compostela de la Casa de la Troya” de Aser Álvarez e Benigno Amor,  en o que se ofrecen os diferentes aspectos da cidade a finais do século  XIX e principios do XX. Ademais ofreceuse a actuación musical a cargo de Troyanos de Compostela que interpretaron algunhas das pezas máis coñecidas do tradicional repertorio galego da tuna como Santiago,  Lela,  Alfonsina, ou  Unha  noite  na  eira  do trigo. 

O coordinador de Actos da Casa de Galicia, Ramón Jiménez con todos os intervinientes


 A presentación correu a cargo do coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez e interviñeron o vicepresidente do Padroado Casa de la Troya, Benigno Amor Barreiro (Nino, para diferencialo do seu pai); José Luis Díaz Gómez, representante do Xurado do Premio; Estefanía Herrera, representante de Tunas premiadas na edición anterior; e o vicepresidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, Manuel Fraga Carou. 

 Para Jiménez, foi “un acto moi especial, entrañable, que afunde as súas raíces nas  postrimerías do século  XIX, que vira ao redor dese imaxinario colectivo que se fixo un oco na mente de todos nós ao ritmo das  bandurrias e pandeiretas dos estudantes desa época e de principios do século  XX, e aínda despois”.

Panorámica co coordinador de Actos da Casa de Galicia, Ramón Jiménez e o público que encheu ás dúas salas da institución galega


 Pola súa banda, Nino Amor agradeceu aos asistentes a súa presenza nunha data tan sinalada como é “o día do nacemento de Rosalía” e destacou o que o premio supón de recoñecemento “a cuantos traballaron para conservar e transmitir un patrimonio ligado a Santiago mais que pertence tamén a cantos lembran con agarimo o seu paso pola Universidade, para que a vella pensión de estudantes da Rúa da Troya  inmortalizada por Alejandro Pérez  Lugín puidese converterse nun Museo Romántico e da Tuna”

 Mentres que José Luís Díaz, sinalou que “vivimos nunha sociedade na que os valores son moitas veces deostados pola ignorancia, a intolerancia e a pose”, asegurou categórico e engadiu, “pois ben, desde o faro de cabo  Silleiro ao faro de  Illa Pancha sempre hai luces que guían o noso camiño, ao fin de premiar estes valores é iluminalos como exemplo de propios e estraños, e como escola de vida para quen forma hoxe as súas conciencias". 

 Nas súas palabras Manuel Fraga Carou subliñou que hai tres persoas imprescindibles no universo  troyano: un triángulo formado polo propio Alejandro Pérez  Lugín, Benigno Amor Rodríguez e o seu digno e incansable sucesor Nino Amor Barreiro, “os tres licenciados en Dereito, e que se transformaron nunha arquitectura de catro columnas, ao engadirlle o grupo de corda, gaita e percusión”. Destacou ademais o patrimonio literario, musical e museístico que lles une, “configurando unha identidade cultural da que debemos sentirnos orgullosos, dimensión que soubo distinguir este premio memorialista Díaz  Reneses”, dixo, e lembrou “o esforzo e empeño de Benigno Amor para reconstruír o pasado”, documentándose, rescatando mobles e obxectos da época para revivir e recuperar aquela Casa da Troya que en palabras do propio Benigno era “a obra dun grupo de nostálxicos que quixemos perpetuar no vello  caserón a pensión que, para o estudante, foi a prolongación da súa casa en Compostela. Alí gárdase un capítulo importante da vida universitaria compostelá”. 
 
Actuación de Troyanos de Compostela

 Tras a proxección do audiovisual, entrega do premio e distincións e agradecementos varios, o grupo Troyanos de Compostela interpretou as clásicas pezas que nunca faltan nas serenatas da tuna e que soaron por primeira vez na Casa de Galicia e fixeron as delicias de todos os asistentes para os que foi preciso habilitar a sala  B da institución galega. 

 Acudiron tamén representantes, mozas e mozos, de tunas de varias comunidades, Castela León, Comunidade Valenciana, Galicia e como recordo fixeron na escaleira da Casa de Galicia unha nutrida foto de familia. O Museo Casa da Troya recrea a antiga pensión estudantil  inmortalizada por D. Alejandro Pérez  Lugín na súa novela do mesmo título, retrata a vida estudantil compostelá de finais do século XIX e comezos do XX e é visita recomendada para cuantos viaxen a Compostela. Máis información www.lacasadelatroya.gal  

 Alejandro Pérez   Lugín, xornalista, novelista, crítico taurino e director de cinema, naceu en Madrid o día 22 de febreiro de 1870 pero en 1883 trasladouse coa súa familia a Santiago, en cuxa Universidade cursou a carreira de Dereito, licenciándose en 1891. En 1915 publica a súa primeira novela, A Casa da Troia, gañadora ao ano seguinte do premio Fastenrath da Real Academia Española, e que foi un éxito rotundo, alcanzando o centenar de edicións en poucos anos. Foi adaptada teatralmente por Linares Rivas e levada ao cinema en cinco ocasiones, a primeira polo propio autor, sendo estreada con gran éxito no 1924. Da mesma consérvase unha copia restaurada pola Filmoteca Nacional e o Centro Galegos de Artes da Imaxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario