OR.PA.GU. recibe en FITUR o Premio Azul do Grupo Excelencias polas súas prácticas sustentables
• É a única empresa galega premiada na gala que se celebrou esta tarde no pavillón 8 de Fitur e que contou coa asistencia de importantes personalidades dos ámbitos social, cultural e empresarial
• O xurado tivo en conta á hora de galardoar a OR.PA.GU. o seu traballo a favor da sustentabilidade no medio mariño e todas as iniciativas que levou a cabo para facer a práctica da pesca máis eficiente
Foto dos galardoados co Premio Excelencias Turísticas 2019
Fotos: M.B.
Fotos: M.B.
Mar Bermúdez / A Guarda
A Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) acaba de recibir un novo recoñecemento á súa traxectoria. Nesta ocasión, trátase dunha importante distinción que enxalza o seu labor en favor da sustentabilidade dos recursos e do mar: o Premio Excelencias Turísticas 2019 na súa categoría Azul. Un galardón que recolleu esta tarde en Madrid, no marco da feira Fitur, e que foi recibido con enorme satisfacción por parte dos armadores de OR.PA.GU., que consideran que se outorga valor a todos os esforzos que veñen realizando desde hai anos para o coidado do medio no que traballan e do que dependen numerosas persoas na Guarda. O galardón está así mesmo vinculado ás súas conservas de peixe espada e atún elaboradas con prácticas sustentables e produtos de primeira calidade.
OR.PA.GU. foi a única empresa galega galardoada nos Premios Excelencia 2019, outorgados polo Grupo Excelencias, o que supón un maior orgullo para a organización que preside Joaquín Cadilla Castro.
Entre as actividades despregadas pola organización de palangreiros nos últimos anos neste ámbito destacan as súas xornadas internacionais de pesca ao redor de temas de actualidade para o sector, cursos de primeiros auxilios para que os pescadores consigan devolver ao mar con vida as tartarugas capturadas de forma accidental, así como a súa participación na creación do FIP Blues, o primeiro proxecto de mellora pesqueira a nivel mundial que inclúe unha especie de quenlla ou a súa aposta polas velas ríxidas nos buques palangreiros para aforrar combustible e minimizar o seu impacto no medio mariño, entre outras iniciativas.
OR.PA.GU. foi preseleccionada xunto a outra empresa española para o Excelencias Azul, pero finalmente o xurado, formado por profesionais independentes do mundo do turismo e a gastronomía, decantouse polo proxecto galego pola súa relevancia e a súa aposta clara pola sustentabilidade.
Laura Baz, recolleu o premio outorgado a Organización de Palangreiros Guardeses
Os Premios Excelencia son uns galardóns que o Grupo Excelencias creou hai 15 anos co obxectivo de remarcar a grandeza en diferentes ámbitos relacionados co turismo, a gastronomía e a cultura en Iberoamérica e que se converteron nun referente. En 2005, este grupo decidiu que aqueles proxectos, institucións ou persoas do sector turístico que foran excelentes no seu terreo debían ser recoñecidos e premiados, outorgándolles a oportunidade de difundir os seus méritos e resultados. Desta forma, un xurado internacional formado por personalidades da cultura e o turismo analiza os proxectos máis representativos do ano, valorándoos segundo as súas achegas desde moi diversas perspectivas. De feito, o Premio Excelencias pode ser para unha idea, unha innovación, unha asociación… Foi tal o éxito e tantas as candidaturas recibidas que o grupo empresarial decidiu sumar ao proxecto o Excelencias Gourmet para recoñecer traxectorias, esforzos, proxectos e resultados nesta área, así como para dar visibilidade a proxectos gastronómicos que favorecen e apoian a cultura e o turismo.
Á gala celebrada esta tarde acudiu en representación da Organización de Palangreiros Guardeses, Laura Baz, quen recibiu o galardón de mans do presidente do Grupo Excelencias, José Carlos Santiago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario