MÁIS DE 90 ASPIRANTES OPTAN A TRABALLAR DE MESTRAS E MESTRES COMPOSTEIROS COMO FUNCIONARIOS INTERINOSNOS ‘CONCELLOS REVITALIZA’
O concurso oposición da Deputación celebrarase no mes de febreiro e prevese que a incorporación aos postos se realice ao mes seguinte
O vicepresidente da Deputación cunha promoción de mestres/as composteiros
Foto: D.PO.
Foto: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra vén de recibir máis de 90 solicitudes para traballar de mestras e mestres composteiros como funcionarios interinos por programa nos ‘concellos Revitaliza’. Onte pechouse o prazo de inscrición para participar no concurso-oposición e a partir de agora comezan a contar os prazos: a lista de persoas admitidas publicarase a semana próxima, as probas de selección serán no mes de febreiro e o persoal que obteña máis puntuación incorporarase aos postos ao longo do mes de marzo.
O número de prazas dispoñibles para as 90 persoas aspirantes é de 15 (unha de cada seis persoas poderá conseguir o traballo), repartidas entre os 14 concellos que pediron subvención á Deputación. Os municipios interesados en dispor de persoal propio para levar adiante o seu plan de compostaxe foron Vilaboa (que solicita dúas prazas), A Guarda, Illa de Arousa, As Neves, Bueu, Cangas, Gondomar, Mancomunidade do Morrazo, Mondariz, O Grove, Poio, Ponte Caldelas, Tui, e Valga (que solicitan subvención para unha praza).
As prazas cubriranse inicialmente coas persoas integrantes da primeira bolsa de emprego (segundo as cualificacións da proba realizada en 2018) e seguirán coas de maior puntuación desta nova convocatoria. Para participar no vindeiro proceso selectivo é preciso ter o Bacharelato ou ser técnico ou técnica superior. As persoas que obteñan maior valoración poderán elixir o concello de destino e serán nomeados funcionarios interinos por programa, pasando a ser persoal propio de cada administración local.
Dúas fases
A selección das candidatas e os candidatos desenvolverase en dúas fases a través dun sistema libre de concurso-oposición. Na primeira fase haberá tres exercicios: o primeiro (60 puntos) será de carácter obrigatorio e eliminatorio e consistirá en contestar por escrito un test de 60 preguntas con varias respostas alternativas sobre o contido do programa. O tribunal convocará as persoas que superaron o primeiro exercicio para a entrevista persoal (8 puntos) nun único chamamento, na que a persoa aspirante poderá expoñer o seu currículo e contestar as preguntas que lle formule o tribunal sobre este e sobre calquera outro tema relevante para o desempeño do posto de traballo. O terceiro exercicio consistirá na demostración do desempeño na lingua galega (2 puntos).
A segunda fase, de concurso, consistirá na valoración dos méritos achegados polas interesadas e interesados. A puntuación máxima outorgada será de 30 puntos por todos os conceptos: valorarase a experiencia profesional (máximo 10 puntos), os méritos académicos (máximo 2 puntos), prácticas (máximo 3 puntos), e cursos relacionados coa compostaxe (máximo 15 puntos).
Trátase da segunda vez que a Deputación facilita a contratación de persoal aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial, tendo outorgado na primeira convocatoria axudas para dar traballoa trece mestras e mestres composteiros. A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a finais do pasado ano as subvencións por 359.716,50 euros no ano 2020 (10 meses e 0 100% da subvención do soldo de cada posto), 179.858,25 euros no 2021 por valor do 50% e 107.914,95 no 2022 que supoñen o 30% dos salarios, facendo un total de 647.489,70 euros nos tres anos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario