9 de xan. de 2020

MEDIO AMBIENTE

O REVITALIZA, ESCOLLIDO MODELO DE XESTIÓN DE RESIDUOS PARA ILLA DE PRÍNCIPE TRAS UN PROCESO CONTINUO MUNDIAL    

O modelo pontevedrés atrae interese na Small Island Organization (SMILO) para extendelo noutras illas pola súa “visibilidade e éxito”  

“É un orgullo que o Revitaliza poida ser un elemento de axuda para que o planeta estea máis limpo e menos contaminado”, di Mosquera 

António Abreu, asesor científico e coordinador da Reserva da Biosfera da Unesco - 1º pola esquerda - co vicepresidente César Mosquera - 2º pola esquerda - e expertos en xestión de lixo  
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra 


 O modelo de xestión de lixo da Deputación, o Revitaliza, será aplicado na Illa de Príncipe tras un exhaustivo proceso de comparación entre as mellores prácticas mundiais (‘benchmarking’) sobre residuos, segundo hoxe confirmou o asesor científico e coordinador da Reserva da Biosfera da Unesco António Abreu. O especialista en ambiente sinalou, nunha reunión co vicepresidente César Mosquera, que, tras barallar moitas outras alternativas, a de Pontevedra foi escollida por ter evidencias de que funciona con “visibilidade” e “éxito no terreo”.  

 Antonio Abreu realizou estas declaracións nunha visita a Pontevedra para concretar a implementación e o calendario da adaptación do Revitaliza á illa africana de Príncipe co fin de que o plan estea operativo in situ antes de final de ano. Ata o de agora, a Deputación colaborou co goberno rexional africano á hora de deseñar o su progama particular aportando o coñecemento e, no vindeiro mes, encargarase da formación e capacitación de persoal aquí en Pontevedra para que despois este se ocupe da xestión técnica dos centros de compostaxe na propia illa. A meirande parte dos fondos para a posta en marcha do plan, ademais dos achegados polo propio goberno rexional, proceden dun programa internacional do Goberno francés para o desenvolvemento e sustentabilidade de pequenas illas (Small Islands Organization-SMILO).  

 Segundo expuxo Abreu, o tema dos residuos -xunto co da auga, da paisaxe e a enerxía- é un tema prioritario nos últimos anos para as reservas da biosfera da Unesco, que colaboran en rede para atopar solucións concretas e obxectivas que resolvan os problemas, ea elección do Revitaliza como modelo estivo prácticamente clara dende o inicio.  

 O descubrimento do Revitaliza produciuse nunha das reunións periódicas das reservas da biosfera. Posteriormente houbo unha viaxe a Pontevedra para saber máis programa por parte do persoal técnico e, “despois dun ‘benchmark’, porque todo o mundo ten moitos programas para os residuos, pero que non funcionan nin teñen visibilidade concreta”, indica Abreu, “aquí atopamos un proxecto visible, que está no terreno”.  “Vimos moitas outras alternativas en moitos outros sitios do mundo, pero esta foi escollida porque funciona. Temos evidencias. E é compatible con realizala sexa no medio rural ou no medio urbano cubrindo as áreas do turismo, moi importantes en Santo Tomé, como son os restaurantes e os hoteis, que son os maiores xeradores de residuos”, abondou.   

 Segundo o técnico, en Illa de Príncipe prevese unha grande colaboración por parte da poboación posto que foi un proxecto escollido pola propia cidadanía a través dun órgano de consulta (Comité Insular) de apoio ao desenvolvemento da Reserva da Biosfera onde están todos os actores, dende os líderes tradicionais, ao tecido empresarial, o goberno, autoridades e entidades todas. “Na práctica están ansiosos esperando polo inicio do proxecto”, afirmou.  

 Abreu quixo sinalar que o proxecto no caso de Príncipe teráunha importancia moito maior do que o Revitaliza ten na provincia de Pontevedra, xa vai resolver importantes problemas de saúde pública producidos pola pésima xestión dos residuos actual. Explicou, de feito, que na illa hai proliferación de roedores e de cans perigosos que derruban os colectores cando non poden ser recollidos atacando ás persoas, e “cando se pensa no turismo e na saúde pública iso é imposible”.  

 Outro dos elementos máis salientables da aplicación do Revitaliza en Príncipe é que o compost producido vai ser utilizado nun elemento socioeconómico maioritario como é a agricultura. Abreu explicou que a Illa do Príncipe é o maior produtor de chocolate do mundo e o goberno rexional fixo unha determinación para prohibir a utilización de fertilizantes sintéticos, polo que co compost “achega unha posibilidade para os produtores”.  

 Por outra banda, sinalou o beneficio da xeración de emprego local, e que o proxecto, ademais, anticipa un modelo de transformación do modelo de vida habitual: “O turismo está a medrar e vai introducir unha alteración do comportamento do consumidor local, polo que o Revitaliza é unha medida ‘cuasi’ preventiva do que acontece noutros sitios”, subliña.  

De Pontevedra ás ‘Pequenas Illas Sustentables’ do resto do Mundo 

 O especialista en ambiente António Abreu revelou tamén que o interese polo Revitaliza está a extenderse de forma exponencial no resto de pequenas illas do mundo. Destacou, de feito,que a Small Islands Organization (SMILO) non só aprobou a candidatura presentada por Illa de Príncipe para obter financiamento como primeiro proxecto, senón que tamén está interesada en poder extendelo ao resto dos pequenos territorios que a integran (illas de menos de 150 qm2) tanto en África occidental, o Océano Índico, o Océano Pacífico como no Mediterráneo -na súa maior parte reservas da biosfera con condicións ambientais moi delicadas-.  

 Abreu subliñou que cando se presentou o programa de Príncipe o feito de estar xa implementado con éxito nun territorio fixo que se focalizase nel a atención de gobernos como Cabo Verde, Tunes, Senegal, Guinea Bissau e outros países. “Xa nos pediron información e contactos sobre o Revitaliza”, asegurou.  

 Ante a aplicación do Revitaliza noutros lugares e a previsible avalancha de achegamentos, o vicepresidente César Mosquera non puido máis que sinalar a súa satisfacción polos resultados que está a dar o plan provincial. “Este proxecto estase a implementar xa en Príncipe, e se funciona en Príncipe pode funcionar en calquera lugar do mundo”, salientou, ao tempo en que afirmou que por parte da Deputación “estamos encantados” da colaboración coa Illa “porque se trata dun país con relación incluso idiomática pola lusofonía”. “É un orgullo que o Revitaliza poida ser un elemento de axuda ás illas e en xeral a que o planeta estea máis limpo, menos contaminado”, finalizou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario