O Diario Oficial de Galicia publica as bases para a concesión da Tarxeta Benvida, que incrementa as achegas e a súa duración
Amplíase ata os catro anos a axuda para as familias especialmente vulnerables
Duplícase a cantidade que se percibe polo terceiro fillo e sucesivos durante o primeiro ano, ata acadar os 2400 euros anuais
Increméntase un 25% a contía para as familias que vivan en concellos de menos de 5.000 habitantes
O prazo de presentación de solicitudes para os galegos no exterior que volvan a Galicia aumenta ata os tres meses
A Xunta de Galicia inviste máis de 36 millóns de euros nesta axuda directa ás familias que decidan ter fillos
Infogauda / Galicia
A Xunta de Galicia destina máis de 36,2 millóns de euros para que as
nenas e nenos nados en 2020 teñan acceso á Tarxeta Benvida, axuda
directa para contribuír a sufragar os custes que trae consigo o chegada
dun novo membro á familia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola cal se establecen as bases para a concesión desta axuda, que conta con catro importantes novidades.
Nesta
convocatoria introdúcense melloras que afectan tanto á contía da axuda
como á súa duración. En primeiro lugar, para as familias que vivan en
concellos de menos de 5.000 habitantes increméntase un 25% o importe da
achega, coa finalidade de apoiar aos fogares con fillos no rural. En
segundo lugar, duplícase a cantidade que se percibe polo terceiro fillo e
sucesivos durante o primeiro ano, de xeito que recibirán 2.400 euros
anuais. Esta cantidade elevarase ata os 3.000 euros en caso de que vivan
nun concello rural.
A terceira novidade desta convocatoria é a
ampliación do prazo de presentación de solicitudes para os galegos no
exterior que retornen a Galicia, os cales contarán con tres meses desde o
seu regreso para pedir a Tarxeta Benvida, un mes máis ca ata agora.
A
cuarta mellora está destinada ás familias en situación de especial
vulnerabilidade, así poderán cobrar a Tarxeta Benvida ata que a nena ou
neno teña catro anos, sempre e cando solicitasen unha prestación pública
de protección social e esta estea en fase de tramitación. Trátase de
que non queden desprotexidas mentres non estean a cobrar esta axuda.
Esta nova posibilidade responde a unha proposta que fixeron as entidades
sociais durante o período de exposición pública da Lei de impulso
demográfico e que se decidiu tomar en consideración.
Máis facilidades para as familias
A
Tarxeta Benvida é unha das medidas postas en marcha pola Xunta para que
todos os fogares galegos teñan máis facilidades que nunca, tanto en
axudas económicas como en materia de conciliación. Desde a súa creación
en 2016, esta axuda directa xa chegou a máis de 53.000 familias de toda
Galicia.
Esta prestación responde ao obxectivo de darlles ás
familias que deciden ter unha filla ou fillo todos os recursos que
precisan. Neste caso unha axuda de 1.200 euros durante o primeiro ano de
vida do bebé para a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa,
berces e produtos de hixiene ou farmacéuticos. Pode empregarse en
establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos
para a infancia, así como nas farmacias, parafarmacias, supermercados,
tendas de alimentación e, desde este ano, tamén ópticas. Para acceder a
esta axuda durante o primeiro ano a renda anual familiar deberá ser
inferior aos 45.000 euros ou menor de 13.000 euros per capita.
Desde
o 2018, a Tarxeta Benvida ampliouse ata o terceiro ano de vida da nena
ou neno para aquelas familias cunha renda anual igual ou inferior a
22.000 euros por un importe de 600 euros para o primeiro fillo, 1.200
para o segundo e 2.400 para o terceiro. En 2019 habilitouse a
posibilidade de solicitala xa durante o embarazo, para que non fixese
falta agardar ata o nacemento para comezar os trámites. Deste modo, o
prazo medio de espera para as familias que escollen esta opción pasou de
dous meses e medio a un mes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario