24 de xan. de 2020

DEPORTES

A Xunta de Galicia celebra en Fitur as tres novas etapas de La Vuelta en 2020 e asegura que serán un aperitivo do que viviremos no Xacobeo 2021  

O secretario xeral para o Deporte celebra a íntima relación de Galicia con La Vuelta e lembra que a bicicleta é en Galicia, ademais dun medio de transporte sostible, un elemento que representa un dos nosos deportes de maior tradición e un símbolo da boa saúda da nosa terra

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destaca a importancia turística que ten para Galicia un espectáculo deportivo como La Vuelta un escaparate seguido por preto de 200 países e que xera un impacto mediático valorado en 117 millóns de euros 

Infogauda / Deportes

 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e do director xeral de La Vuelta Ciclista a España, Javier Guillén presentou en FITUR as tres etapas galegas -a décimo sexta, a décimo sétima e a décimo oitava- da gran volta española que terán lugar no percorrido de 2020: Muros – Dumbría, Lugo – Ourense e Mos – Porto.  

 Nas súas verbas, Lete Lasa destacou que con estas tres novas etapas, Galicia chega ás 30 xornadas galegas en La Vuelta durante os últimos nove anos e conminou ao director do espectáculo deportivo a que a comunidade galega chegue ás 39, o mesmo número de etapas que ten no seu poder unha das iconas ciclistas galegas como Delio Rodríguez que ostenta o récord de ser o deportista con máis vitorias de etapa na rolda española. Estas tres etapas son tan só un aperitivo do que viviremos no Ano Santo Xacobeo 2021, dixo.  

 Neste sentido, o titular da carteira deportiva autonómica celebrou a íntima relación de Galicia con La Vuelta e lembrou que a bicicleta é en Galicia, ademais dun medio de transporte sostible, un elemento que representa un dos nosos deportes de maior tradición e un símbolo da boa saúda da nosa terra. Cada vez son máis os galegos e galegas que se montan na bicicleta para realizar a actividade física que afasta á nosa sociedade das enfermidades provocadas polo sedentarismo, apuntou, xusto no momento no que a Xunta informou que valorará a introdución dunha terceira hora de educación física no currículo escolar.  

 Tras nomear aos mellores ciclistas galegos da historia -de estrada, montaña, BTT ou ciclocrós-, as grandes competicións como a Volta a Galicia ou a historia do primeiro equipo ciclista profesional galego -primeiro como Fundación Ciclismo Galego e máis tarde como Xacobeo Galicia- o secretario xeral destacou que a presenza galega en La Vuelta contribúe, ademais de mellorar o noso deporte, a poñer en valor elementos tan importantes da nosa xeografía como o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, o castelo de Pambre ou a Catedral de Santiago.  

 Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia destacou a importancia turística que ten para Galicia un espectáculo deportivo como La Vuelta, un escaparate seguido por preto de 200 países e que xera un impacto mediático valorado en 117 millóns de euros. Ademais, Nava sinalou que a bicicleta é un elemento identitario galego como demostra que dos 2,5 millóns de persoas que fixeron o Camiño de Santiago no últimos dez anos, un total de 279.708 -o 11%- fixérono en bicicleta. 

Apoio ao ciclismo galego  

 Segundo informou o secretario xeral, a Secretaría Xeral para o Deporte apoia a 11 equipos de ciclismo -Club Ciclista Maceda, Club Ciclista Farto (feminino e masculino), Grupo Deportivo Supermercados Froiz, Club Ciclista Padronés, Club Ciclista Rías Baixas, Club Ciclista Vigués, Club Ciclista Spol, Club Racing Cycling Team, Team Cycling Galicia e Club Ciclista Riazor- a través do Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición de Galicia da Fundación Deporte Galego, recibindo un total de 208.531,10 euros, máis do 6% de todo el orzamento do plan.  

 Ademais, a Federación Galega de Ciclismo recibe neste 2020 un total de 185.941 euros a través do convenio asinado coa Secretaría Xeral para o Deporte para o desenvolvemento da súa actividade.  

 Somos a quinta comunidade en canto a número de licenzas e clubs e contamos con 11 deportistas galegos de alto nivel e 4 deportistas de alto nivel do CSD e iso merece unha atención especial, dixo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario