BEATRIZ COMENDADOR, KIN MARTÍNEZ, LOLA DOPICO, MENCHU LAMAS, RAMÓN ROZAS, TERESA TÁBOAS E XAIME TOXO, INTEGRANTES DO NOVO CONSELLO ASESOR DO MUSEO
Carmela Silva destacou hoxe na presentación o número de mulleres, ao tempo que Mosquera resaltou a valía individual “absolutamente contratastada” e que son “persoas relativamente novas”
O director do Museo incidiu en que os consellos asesores permiten “unhamaior independencia da institución fronteao control político”
A
presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o vicepresidente
César Mosquera, o secretario provincial Carlos Cuadrado, o director do
Museo Xosé Manuel Rey, e a directora de xestión Sonia Mateos, xunto con outras persoas, na presentación do novo Consello Asesor do Museo de Pontevedra
Foto: D. PO.
Infogauda / Pontevedra
A arqueóloga Beatriz Comendador, o empresario das industrias culturais Kin Martínez, a directora de Esdemga Lola Dopico, a artista Menchu Lamas, o crítico de arte Ramón Rozas, a arquitecta Teresa Táboas e o pedagogo e escritor Xaime Toxo son os integrantes do novo Consello Asesor do Museo de Pontevedra. Os seus nomes déronse a coñecer hoxe nun acto no Sexto Edificio coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, o secretario provincial Carlos Cuadrado, o director do Museo Xosé Manuel Rey, e a directora de xestión Sonia Mateos.
Trátase de representantes de sectores moi diversos da sociedade cunha ampla traxectoria profesional que se reunirán de forma periódica (como mínimo dúas veces cada seis meses de maneira ordinaria) para falar de como afrontar os proxectos, a xestión, e o funcionamento da institución museística do obxectivo final de consolidar o liderado do Museo de Pontevedra en Galiza e avanzar cara a unhamaiorproxección exterior.
Trala presentación de hoxe, e tras unha pequena reunión de carácter informal, todos e todas (salvo Beatriz Comendador, ausente por unha viaxe de traballo a Turquía) levaron “deberes” para a casa e, co Regulamento de funcionamento do Consello Asesor baixo o brazo, deberán que poñer sobre a mesa ideas e suxestións tanto sobre os novos edificios do Museo, a rehabilitación dos inmobles antigos, a xestión como a comunicación da institución provincial.
O vicepresidente Mosquera, responsable político do Museo, lembrou que as e os vogais do Consello Asesor foron propostas polo director Xosé Manuel Rey co fin de poder desenvolver a memoria do Plan de Xestión que presentou para concorrer ao cargo. Segundo o nacionalista, o director demostrou ser “unha persoa lista e capaz” por ter escollido persoeiros de currículo e valía absolutamente contrastada.
Así mesmo, Mosquera subliñou que durante o proceso de formación do Consello Asesor demostrouse que o Museo de Pontevedra “ten un atractivo grandísimo”, xa que as e os integrantes,a pesares de ter “unhas ocupacións elevadísimas”, aceptaron “á primeira e entusiasmadas”. Destacou que todas e todos os seleccionados fórono polo seu currículo e valía individual e non por seren representantes de institucións, ademais de salientar que “son persoas relativamente novas fronte á tendencia a que haxa carga excesiva de idade”.
“Hoxe damos un paso máismoi importante nesta nova etapa do Museo que queremos. Ás e aos membros do Consello Asesor é de agradecer o compromiso, e o entusiasmo. Agardo que dentro dun ano, dous ou tres, esa vizosidade se manteña, xa que sería demostración de que as súas achegas están a ter resultados positivos e se sinten útiles”, finalizou Mosquera.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou o número de mulleres presentes no Consello Asesor, facendo posible que se combinen as “miradas feminina e masculina” e tamén a ampla representación territorial, pois os integrantes proceden de diversos puntos da provincia e aomesmo tempo de fóra dela.
Na súa opinión e admitindo que era posible optar por outras persoas “igualmente moi potentes”, “non se podía ter feito un mellor Consello Asesor”. Deste xeito, quixo enfatizar que as e os vogais “son xente que entende e que sabe da nosa historia e da nosa cultura, pero que tamén ten unha visión clara do que se demanda no século XXI dos Museos”.
A presidenta pediu aos integrantes do novo órgano que “abran portas e ventas e que escoiten para o que Museo de Pontevedra sexa aínda máis grande do que xa é”. Silva rematou a súa intervención aseverando que “non hai nada máis político que a cultura”, “pero as e os políticos non estamos para influír, senón para que a cultura chegue a todolos espazos e ás administración públicas”.
Os consellos asesores, unha vía para superar direccións personalistas
Pola súa banda, o director do Museo Xosé Manuel Rey destacou que o Museo se atopa inmerso nun proceso de paulatina renovación, con moi diferentes retos e desafíos, “algúns vencellados coa busca dun maior compromiso social, co reforzo da participación cidadá e o fomento da inclusión e colectivos situadas nas marxes do sistema museístico”, ou ben co desexo de mellorar o funcionamento operativo, adoptando unha visión plural e compartida da súa visión a través da participación cualificada de diferentes axentes sociais na configuración do seu futuro.
Rey destacou que tradicionalmente os museos españois contaron coa existencia de órganos colexiados de carácter consultivo e asesor a través dos que se canalizaba a participación da sociedade nos seus órganos de xestión “permitindo con isto superar unha dirección de carácter excesivamente personalista”. A día de hoxe, explicou, esta figura, en formas renovadas, está presente na estrutura organizativa de todos os museos independentemente de que dependan organicamente dos departamentos de Cultura das diferentes administracións ou ben de que dispoñan de fórmulas de xestión diferentes. “De feito, a existencia dun órgano colexiado de asesoramento está considerada unha boa práctica entre os especialistas de xestión museal”, sinalou.
Entre os beneficios de contar cunha figura deste tipo o director do Museo afirmou que permite asegurar múltiples obxectivos, e enumerou, entre eles, “acadar unha maior independencia da institución fronteao control político, incorporar unha maior participación social, aportar miradas diferentes a través da súa composición diversa, e dotar á xestión global do Museo dun maior consenso por medio do acordo entre diferentes axentes sociais, interlocutores e expertos que o integran”.
Rey subliñou que, aoseu entender, as e os vogais elixidos “representan de xeito plural os diferentes ámbitos e sectores do tecido cultural do territorio provincial aportando experiencia e coñecemento experto derivados da súa dilatada traxectoria profesional”, para amosarse convencido de que co esforzo de todas e todos os profesionais do Museo e implicación dos membros do Consello Asesor “o Museo de Pontevedra está en disposición de encarar con éxito os retos e desafíos aos que se enfrontará, consolidando o seu liderado en Galiza e avanzando cara a unha proxección exterior maior”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario