13 de dec. de 2019

O BAIXO MIÑO

Vía Galega convoca actos simultáneos en máis de 45 concellos

Para reclamar políticas que deteñan a emigración 
 


Infogauda / O Baixo Miño 

 Vía Galega, a Plataforma en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, convoca para este sábado 14 de decembro máis de 45 concentracións que se organizan de xeito simultáneo en cidades e concellos galegos ao abeiro da campaña “Non emigramos, expúlsannos. Soberanía e traballo digno”.  

 “Estamos inmersos nunha campaña para denunciar as consecuencias negativas que ten a emigración en Galiza, que é un problema estrutural”, destacou Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega. Estas mobilizacións que se van desenvolver ás 12:00 diante da Casa do Concello de 46 localidades hai que encadralas nesta campaña que inclúe a presentación de mocións nos concellos, reunións cos grupos parlamentarios, debates e palestras en cidades como A Coruña, Compostela e Ourense.  

 Os propios datos oficiais son “alarmantes” das consecuencias da emigración en Galiza, “que supón un drama nacional, social e persoal”, sinalou, “como despoboamento, avellentamento e desarraigamento, ademais da fenda que provoca nas persoas que se ven na obriga de emigraren”.  

 Nos últimos 10 anos, 80.000 mozos e mozas víronse obrigados a emigrar por falta de oportunidades dun traballo digno con estabilidade no propio país “e, polo tanto, estamos ante a vulneración dun dereito que consideramos fundamental como é traballar e vivir na propia terra”. Explicou tamén que máis de 216.000 persoas entre os 16 e os 59 anos tiveron que coller a maleta para emigrar na última década “e ante estes datos de emerxencia non podemos quedar impasíbeis e temos que tomar conciencia para atacar este problema que sofre un país rico como Galiza, con grandes recursos naturais e enerxéticos, con potencialidades económicas de traballo”.  

 “Isto débese á subordinación política, á falta de soberanía suficiente para decidirmos sobre o noso futuro, os nosos recursos e as nosas potencialidades e para desenvolver o país desde unha perspectiva autocentrada en base aos intereses do pobo galego e do propio país”, engadiu Louzao.   

 Referiuse tamén á “dependencia económica”, onde Galiza segue a desempeñar “unha función colonial na medida en que os nosos recursos son expropiados e espoliados, ao tempo que exportamos man de obra barata e drenamos grandes cantidades de aforro que serven para investir e desenvolver outros territorios do Estado español ou para o beneficio do capital transnacional”. Polo tanto, son causas “políticas e económicas”, indicou, que conducen á falta de traballo, emigración, despoboamento e á ausencia de “horizonte colectivo como propio país”.   

 Na área metropólitana de Vigo, as concentracións serán ás 12h nos respectivos lugares: 

- Vigo, Praza da Princesa  
- Redondela, diante do Concello  
- Val Miñor, Cruce da Ramallosa  
- O Porriño, diante do Concello  
- Ponteareas, diante do Concello  
- Tui, Praza da Inmaculada  
- A Guarda, diante do Concello  
- Moaña, diante do Concello  
- Cangas, diante do Concello   

 No resto do territorio galego, as concentracións celebraranse diante da casa do concello dos seguintes municipios, agás en Nigrán, Sada, Pontevedra, Tui e Vigo, onde se indica o lugar escollido: 
        
 A Coruña, A Estrada,  A Guarda,  As Pontes,  Allariz, Ames, Arzúa, Betanzos, Cangas, Carballo, Cedeira, Cee, Celanova,  Compostela, Fene,  Ferrol, Lalín, Lugo, Malpica, Marín, Moaña, Monforte, Narón, Nigrán (Cruce da Ramallosa), Noia, O Barco, O Porriño, Ourense,  Padrón, Pontedeume, Ponteareas, Pontevedra (Praza da Peregrina), Redondela, Rianxo, Ribeira, Sada (Praza de San Roque), San Sadurniño, Sarria,  Teo,  Tui (Praza da Inmaculada), Verín, Vigo (Praza da Princesa) e Vilagarcía de Arousa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario