18 de dec. de 2019

FORMACIÓN.

‘Coas mans na masa’ achega a creatividade e o produto local á hostalería do territorio  

Por primeira vez o itinerario formativo de Eu Rural diríxese ás persoas profesionais da restauración  

Sandra González - na imaxe, 3ª pola esquerda -, alcaldesa de Tomiño e presidenta da  Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, con Digna Rivas -no centro -, alcaldesa de Redondela, xunto con chef Iván Méndez, a concelleira Cristina Dosil - 2ª pola dereita - e os concelleiros Daniel Boullosa,  David Alonso e Fino Alonso


Infogauda / Redondela

 A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural segue apostando pola formación e posta en valor do territorio. Tras o éxito acadado en 2018 e 2019, a Escola Eu Rural pon en marcha  un novo curso dentro do seu itinerario formativo ‘Coas mans na masa’. 

 Nesta ocasión o programa ‘Coas mans na masa’ acolle a acción formativa “Cociña creativa con produto local”, un curso orientado a todas aquelas persoas ligadas de xeito profesional ao mundo da hostalería e a restauración no territorio. Da man dun docente de excepción, o chef galego Iván Méndez Álvarez (Vigo, 1979), as persoas participantes descubriran novos xeitos de empregar os produtos locais para elaborar platos creativos e novedosos. O curso é eminentemente práctico e aprenderáse facendo, experimentando, cociñando e elaborando.  

 Os cursos terán lugar en catro concellos do territorio do GDR 14 os meses de febreiro, abril e maio : Nigrán, o 1, 4 e 5 de febreiro; Tomiño o 17, 18 e 19 de febreiro; O Porriño o 20, 21 e 22 de abril e Redondela o 4, 5 e 6 de maio. 

 Poderá inscribirse e participar nestes cursos calquera persoa que resida no territorio do GDR 14e teña algunha relación co sector da hostalería e da restauración, independentemente de que o concello no que viva non dispoña de curso. As xornadas son de balde e a inscrición farase a través da webwww.eurural.org, dirixíndose ao apartado denominado Escola. Todos os cursos se impartirán nun horario adecuado ás persoas profesionais que participen, polo que se definirá da súa man antes do comezo do curso. Haberá un máximo de 15 alumnas/os por curso. 

Formación para fomentar o emprendemento no rural 

 Esta nova acción formativa foi presentada este mércores 18 de decembro no Pazo de Santa Teresa, no Concello de Redondela pola presidenta da asociación e alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, quen asegurou que con este curso “damos un paso cualitativo máis, levando formación de calidade aos nosos establecementos hostaleiros e fomentando o uso e o valor do produto local”. “Esta acción será moi positiva para as persoas que traballan na hostalería, e deste xeito continuamos a dar cumprimento ao noso compromiso de apostar pola formación para a poboación do noso territorio”, salientou. 

 González estivo acompañada neste acto pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que salientou a “importancia de que todos os concellos traballemos xuntos e unidos para impulsar a nosa hostalería, fomentando a creatividade e a posta en valor dos nosos produtos locais, o que suporá unha mellora no servizo que ofertamos ao noso turismo e á nosa poboación”. Xunto a elas, na presentación, estiveron tamén o chef Iván Méndez, o concelleiro de Cultura e Turismo, Daniel Boullosa; a concelleira de Turismo, Xuventude e Participación Cidadá de Nigrán, Cristina Dosil; o concelleiro de Relacións Veciñais, Medio Rural e Actividades Marítimas de Nigrán, Fino Alonso; e o concelleiro de Deportes, Benestar Social, Igualdade, Formación, Emprego, Novas Tecnoloxías e Turismo de Porriño, David Alonso. 

Novas edicións 

 ‘Coas mans na masa’ nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como unha ferramenta posta en marcha pola AD Galicia Suroeste Eu Rural para canalizar todas as accións formativas que se desenvolven no territorio do GDR 14 e que abrangue aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui. 

 Dentro da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa elaborada pola AD Galicia Suroeste Eu Rural, na que se estableceron as liñas de actuación da Medida Leader para o territorio do GDR 14, recóllese unha aposta pola formación como vehículo para mellorar a capacitación do capital humano da contorna. Por este motivo, cada ano destínase o 2,5% do orzamento anual da asociación á creación de itinerarios formativos para toda a poboación e ata o de agora xa se formaron a máis de 280 persoas. 

 Por este motivo, esta acción formativa que se desenvolverá en febreiro, abril e maio, complementaranse con novas edicións no ano 2020 de outras accións formativas noutros concellos do GDR 14, dirixidas á poboación en xeral e que serán presentadas no vindeiro mes de xaneiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario