16 de dec. de 2019

A GUARDA

DESEXO DE NADAL DO SAN XEROME: RESPOSTA SOCIAL PARA ÓSCAR E SANDRA  
 


 Estimados veciños, dende a Asociación S. Xerome Emiliani de A Guarda nos diriximos a vostedes para poñer de manifesto unha situación gravísima pola que dúas persoas, Óscar e Sandra, con especiais dificultades de desenvolvemento, e despois de ter estado mais de dez anos no Centro Educativo S. Xerome Emiliani, se ven obrigados a quedarse nas súas casas dende setembro de este ano, por non dispoñer de praza concertada no Centro de Adultos desta Asociación.  

 Óscar e Sandra son persoas con diversidade intelectual que teñen grandes necesidades de apoio, e a súas especiais dificultades de desenvolvemento lles impiden levar unha vida normal de maneira autónoma.  

 En S. Xerome viven nun ambiente normalizado, onde participan de actividades inclusivas, estimulantes e atractivas para eles; se relacionan cos seus amigos e amigas, e teñen a posibilidade de desenvolver os seus intereses persoais, sociais e intelectuais, independentemente dos apoios que precisen.  

 Por outra banda, as súas familias -especialmente as súas nais- son coidadoras 24 horas de 24, e 365 días ao ano, das que 8 horas diarias, nas que os seus fillos estaban no Centro S. Xerome, eran as únicas das que dispoñían para descansar, coidarse e traballar.  

 Neste momento no Centro S. Xerome hai prazas dispoñibles, que poderían ocupar Sandra e Óscar, de non ser por temas burocráticos e de financiamento, que debe de resolver a Administración - Xunta de Galicia.  

 En outubro de 2019 presentamos unha moción nos Plenos dos Concellos da nosa Comarca do Baixo Miño, e acadamos o apoio unánime de todos os representantes políticos. A día de hoxe seguimos sen ter novas da Xunta de Galicia ao respecto, e Sandra e Óscar seguen nas súas casas.  

 A Xunta Directiva do San Xerome está valorando asumir directamente o custo destas dúas prazas (24.000,00 € anuais), a risco de poñer en perigo o resto dos Servizos que prestamos ás mais de 100 persoas usuarias e as súas familias. Esta aposta solidaria resultará realmente dificultosa, xa que na Asociación manexamos orzamentos moi axustados, e como o custe de maior contía é o de persoal, soamente poderá estar ao noso alcance ofrecer este Servizo adicional, a Sandra e Óscar, co persoal propio do que xa dispoñemos na Asociación.  

 Sentímonos realmente impotentes e limitados para dar unha resposta positiva a estas persoas e ás súas familias, sen os recursos para os que a Administración non nos da resposta.  

 Unha vez mais atopámonos cun sistema mesmamente “discapacitado” para dar resposta aos mais débiles da sociedade, e mentres que os mais fortes cada vez o son mais e mais e mais…, nada é, nin será, suficiente para saciar unha ambición que só se cura con solidariedade.   

 Desexamos que estas vindeiras festas de Nadal sexan verdadeiramente Felices para todxs.  

Atentamente,
  
José Emilio Alvarez Pena 
Presidente

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario