3 de dec. de 2019

A GUARDA

SAN XEROME APOSTA POLA EDUCACIÓN SEXUAL DAS PERSOAS CON DIVERSIDADE INTELECTUAL CO PROXECTO EUROPEO  SEXINLIFE  

Participantes da reunión de socios celebrada esta tarde
Foto: S.X.

Infogauda / A Guarda

 A Asociación San Xerome Emiliani da Guarda (Pontevedra), entidade sen ánimo de lucro promovida por nais, pais, familiares e amigos de persoas con diversidade intelectual, lidera o proxecto “ SEXINLIFE – Mellorando a educación sexual das persoas con diversidade intelectual”, proxecto europeo cofinanciado polo Programa Erasmus+.  

 A sexualidade é unha fonte de enerxía de vida, necesaria para o crecemento e desenvolvemento de cada un de nós. Cando falamos das persoas con diversidade intelectual, en moitos casos é vista como unha ameaza. Está moi estendido o pensamento de que non van poder saber canalizar toda esta enerxía, que pode chegar mesmo a ser perigosa para eles mesmos ou para a súa contorna e en demasiadas ocasións vimos como se tentou pechar esa fonte impedindo o seu desenvolvemento.   

 Ao evitar que a sexualidade flúa de forma natural, impedir o acceso aos apoios necesarios para comprender e canalizar de forma positiva o seu desenvolvemento sexual, o que se consegue é poñer en crise o propio crecemento, toda esa enerxía non canalizada acaba explotando como un  Géiser e comezan a producirse as condutas sexuais inadecuadas.  A

 A Educación Sexual permite a transmisión de informacións e coñecementos acomodados á capacidade de comprensión de cada unha/un; respostas pertinentes a todas as preguntas sempre en termos de verdade, utilizando as ocasións que se presenten espontaneamente na vida cotiá (tanto na escola como na casa). A educación sexual achégalle ao individuo as ferramentas e a formación necesaria sobre como canalizar a súa enerxía sexual, e permitir que esta fonte flúa de forma responsable e satisfactoria.  

 Por todo iso, San Xerome pon en marcha o proxecto europeo  SEXINLIFE, que permitirá intercambiar boas prácticas entre Entidades afíns europeas, sobre a Educación sexual das persoas con diversidade intelectual.  

 O desenvolvemento do proxecto permitirá aos profesionais ofrecer unha educación sexual de calidade nos seus Centros de atención a persoas con diversidade intelectual. Permitirán ás familias ter elementos de referencia achegadas por outros iguais, outros familiares que transitaron polo mesmo espazo de inseguridade e medo. E coñecerán en primeira voz os resultados de proporcionar oportunidades de vida ás súas fillas e fillos na voz das fillas e fillos doutros familiares. Permitirá ás persoas con diversidade que levan tempo sendo beneficiarios da educación sexual ter unha lanzadeira desde onde envorcar as súas experiencias de vida e doutra banda ás persoas que aínda non tiveron acceso a esta educación daralles a posibilidade de que nos seus Centros póidanse poñer en marcha e coñecer os recursos necesarios para desenvolver Programas de educación sexual, completos, desde unha perspectiva  sexológica.  

 O proxecto, liderado por San Xerome, é compartido con outras 4 entidades europeas, que comparten unha necesidade: desenvolver a Educación sexual para persoas con diversidade intelectual, en territorios con escaso ou nulo desenvolvemento de @dicha temática de importancia fundamental. Ao mesmo tempo, axudará a chegar a un gran número de interesados, e a establecer Redes de traballo conxunto a nivel europeo.    

 Os socios do proxecto son: 

- Asociación San Xerome Emiliani (España) 
- Bulgarian  Association  for  Persons  with  Intellectual  Disabilities (Bulgaria) 
-  Associaçâo de  paralisia cerebral de  Viseu (Portugal) 
- Stowarzyszenie  na  Rzecz  Spoldzielni  Socjalnych (Polonia) 
- IMS  Research &  Development Centre (Chipre) 

 Durante os días 03 e 04 de decembro 2019 celébrase na Sede da Asociación San Xerome Emiliani da Guarda (Rúa Galicia, 23) a primeira reunión internacional de posta en marcha do proxecto, onde as 5 entidades socias establecen as bases do traballo conxunto a desenvolver nos próximos 2 anos de duración do mesmo.  

 Co proxecto  SEXINLIFE, as persoas con diversidade, as súas familias e os profesionais que traballamos para elas, dispoñerán de: un Manual de Educación sexual para persoas con diversidade que responde as necesidades de formación de todos os países do proxecto; un “Banco de vivencias” onde as persoas con diversidade intelectual e as súas familias contarán en primeira persoa as súas experiencias relacionadas coa educación sexual; unha Rede europea de Expertos en Educación sexual para persoas con diversidade intelectual (familias e profesionais); un curso de formación de  formadores  transnacional en Bulgaria e un Evento conxunto de formación  transnacional para persoas con diversidade intelectual dos países do proxecto, no que se  testarán todas ferramentas e recursos didácticos e metodolóxicos desenvoltos no proxecto.  

 Hoxe martes, ademais, realizouse un Taller con Axentes de interese, no que se lles deu a coñecer o proxecto, e recolléronse impresións e achegas, sen dúbida de gran utilidade para o desenvolvemento do mesmo. Agradecer ás persoas con diversidade intelectual e as familias que participaron, así como a entidades como o  Concello da Guarda, o IES A  Sangriña da Guarda,  ACEESCA, FADEMGA Plena Inclusión Galicia e a  Sociedade  Galega de  Sexoloxía pola súa participación e interese polo proxecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario