19 de dec. de 2019

A GUARDA

O Concello proponse regular os criterios estéticos para a Fachada Atlántica 

Mediante unha nova ordenanza municipal que ven de crear

O alcalde do Concello de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e a concelleira de Turismo, María Elena Baz Rodríguez, supervisando os documentos correspondentes a proposta de nova ordenanza municipal
Fotos: C.A.G.



Infogauda / A Guarda

 Corenta anos despois de haberse debatido no seo da Agrupación Democrática Guardesa (ADG), organización política heteroxénea - por estar formada por persoas de diferentes orientacións ideolóxicas -, que nas primeiras Eleccións Locais democráticas celebradas no Estado español - despois da rebelión franquista de 1936 e do longo período de privación de liberdades democráticas - , logrou acadar, o día 3 de abril de 1979, tres concelleiros na Corporación Municipal do Concello de A Guarda, así como o alcalde pedáneo da Entidade Local Menor de Camposancos; o executivo municipal que preside o alcalde Antonio Lomba Baz, fixo público este xoves 19 de decembro de 2019 que o “Concello da Guarda ven de crear unha nova ordenanza estética, co obxecto de establecer criterios de actuación pormenorizados para tódalas edificacións que constitúen unha parte da fachada do paseo marítimo, co fin de evitar intervencións de reforma ou obra nova de carácter arbitrario e esteticamente indesexables. 

 Deste xeito A Guarda establece todos os criterios para manter a súa característica fachada atlántica cunha ordenanza que, unha vez publicada no BOP, permitirá outorgar licencias de obra neste espazo da vila, para que estas se realicen seguindo os parámetros marcados na nova ordenanza. 

Panorámica dunha parte da multicolor fachada atlántica do porto de A Guarda

 
 O obxectivo deste documento é establecer a tipoloxía de fachada, os materiais de acabado e cor de cuberta, o material de acabado e cor de fachada, o material e cor da carpintería exterior e varandas, o material e cor da ferraxería, as alturas máximas de cornixa e as alturas máximas do cumio, entre outras especificacións. 

 Esta ordenanza será de aplicación para todos os soares integrados no ámbito do Estudo de detalle nº 1 delimitado polo PXOM, con independencia de que estean ou non edificados á súa entrada en vigor. 

 Esta regulación estética será de aplicación tanto para obra nova como para obras de renovación, rehabilitación ou reconstrución que afecten total ou parcialmente as fachadas ou cubertas das edificacións. 

 Calquera modificación ou renovación das características exteriores das edificacións requirirá cando menos unha memoria técnica redactada por técnico competente que xustifique o cumprimento da regulación estética definida no documento. 

 Trátase dunha normativa pioneira en Galicia que regula tódolos aspectos construtivos e estéticos para manter e mellorar, se cabe, unha das estampas mais características e fotografadas da nosa vila. 

 Este documento compleméntase coa nova ordenanza de terrazas, na actualidade, en fase de alegacións. Esta ordenanza permitirá mellorar, entre outras zonas, a estética das terrazas do paseo marítimo, dándolle unha imaxe máis moderna aos establecementos de restauración do porto. 

 Dende o Concello da Guarda se quere agradecer a todas as persoas que participaron para que esta nova ordenanza saíse adiante, aportando documentación, imaxes e redactando o proxecto coma: o persoal dos servizos técnicos de urbanismo do Concello da Guarda, Antonio Hernández Crespo, Hermelindo Martínez González e José María Álvarez Álvarez; colaboración do persoal de Plan de práctica laboral en Concellos da Deputación de Pontevedra, Hermitas Piñeiro Martínez e Alicia Rial González; José Antonio Uris Guisantes, Eva María Baz Cerqueira e Antón Ferreira [Lorenzo].

Ningún comentario:

Publicar un comentario