23 de dec. de 2019

A GUARDA

Beatriz Bascoy Cao expón na Casa dos Alonso 

A mostra pictórica poderá visitarse ata o 4 de xaneiro  

A esquerda da imaxe, a concellleira de Cultura e o alcalde de A Guarda, coa pintora Beatriz Bascoy Cao, no acto de apertura de exposición na Casa dos Alonso
Fotos: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O pasado sábado día 21 de decembro a Casa dos Alonso acolleu o acto de inauguración da exposición de pintura de Beatriz Bascoy Cao, «a neta do Camilo». 

 Con máis dunha ducia de obras, a artista expresa inquedanzas, sentimentos, desexos de sumirse nun mundo de cor paralelo a un mundo real con demasiados tonos de grises. 

 Para esta exposición Beatriz Bascoy traballou coa técnica mixta, unha combinación dunha ou máis técnicas artísticas, de traballo e materiais no lenzo.  

Algunhas das obras que presenta Beatriz Bascoy Cao



 «A neta do Camilo» transita por un camiño creativo onde segundo afirma, segue a emocionarse cando unha persoa se para ante unha das súas obras e é capaz de sentir. Esa sensación non mudou dende o principio desta viaxe... Ben sexa en lugares tan diferentes como os pendellos de Agolada ou a Menier Gallery de Londres.  

 A exposición de pintura de Beatriz Bascoy Cao, «a neta do Camilo», enmárcase na programación de Nadal 2019/20 do Concello de A Guarda e pódese visitar ata o 4 de xaneiro na pranta baixa da Casa dos Alonso, de luns a venres, en horario de 8:00 a 15:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario