18 de dec. de 2019

A GUARDA

A exposición fotográfica “O teu Xacobeo” chega á nosa vila os días 20, 27 de decembro e 3 de xaneiro  

A mostra, aberta ao público xeral, poderá verse a carpa do Concello de A Guarda na Paza de Juan Bautista Alonso (Monterreal) desde ás 10:00 ata as 13:00  horas

A exposición consta de seis paneis nos que se explica este proxecto e en que se pode observar algúns dos momentos vividos

Ademais, proxectarase un vídeo gravado durante os roteiros realizados cos colectivos de Cruz Vermella

Este proxecto está impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, dentro do programa “O  teu Xacobeo”  

Monitores de Cruz Vermella facendo cun grupo infantil, un dos tramos do Camiño Xacobeo
Foto: Cruz Vermella


Infogauda / A Guarda

 A Asemblea Comarcal de Cruz Vermella no Baixo Miño expoñerá os días 20, 27 de decembro 2019 e 3 de xaneiro de 2020, a exposición fotográfica “O  teu Xacobeo, o  noso  Camiño con Cruz  Vermella”. Esta mostra é a culminación dun proxecto financiado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, no que participaron 434 persoas de toda a provincia pertencentes a diferentes programas de Cruz Vermella. Poderán gozala todas as persoas interesadas desde ás 10:00 ata ás 13:00 horas, na carpa situada na Praza de Juan Bautista Alonso Español (Monterreal), da vila de A Guarda.  

 A exposición está formada por seis paneis de 100x200 cm que ilustran algúns dos momentos vividos nos roteiros do Camiño de Santiago que realizaron diferentes colectivos de Cruz Vermella; á vez que se explican os obxectivos deste proxecto, quen participou nel, ou os tramos que se realizaron. Tamén recolle algúns testemuños que expresan e transmiten as opinións e sensacións que os participantes tiveron nesta actividade.    

 Ademais, a exposición complétase cunha caseta desde o que se proxectará un vídeo que foi gravado durante algunhas das xornadas nas que se realizaron os roteiros, e que pretender ser unha pequena mostra dos lugares tan espectaculares que se poden gozar no Camiño de Santiago, de todos os elementos culturais, patrimoniais e naturais que un se pode atopar; á vez que se observa como o gozaron os grupos que realizaron os tramos do camiño.  

 Este proxecto tivo como fin fomentar a inclusión e a participación activa de todos os colectivos que atende Cruz Vermella, potenciando o valor do Camiño de Santiago como unha oportunidade de participación social que promovese o valor cultural de Galicia, e implicase ao maior número de poboación galega, xerando un sentimento de orgullo facía a nosa comunidade. Os tramos do camiño que se realizaron entre o 13 de setembro e o 9 de outubro foron os seguintes: Poio –  Armenteira (grupo de infancia); Baiona – A Ramallosa (grupo de mocidade); Padrón – A Escravitude (grupo de maiores); Vigo – Redondela  e Pontevedra – Caldas de  Reis (grupo libre).  

 En “O  teu Xacobeo, o  noso  camiño con Cruz  Vermella” participaron grupos de infancia, mocidade, maiores, inmigrantes, refuxiados e voluntariado, chegados de todas as Asembleas Comarcais e Locais da provincia: Vigo, Redondela, O Baixo Miño, O Condado, O Salnés, Tabeirós – Terra de Montes, Lalín e Pontevedra, que non quixeron perder a oportunidade de gozar desta experiencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario