9 de dec. de 2019

A GUARDA

Escolares da Guarda participaron nunha visita guiada 

Ás salinas romanas do Seixal e ás rupestres de As Lagoas

Uns dos grupos de escolares que visitaron ás salinas romanas do Seixal
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

 Alumnado do IES A Sangriña, HH. Carmelitas e PP. Somascos participaron nunha xornada patrimonial e medioambiental na cal tiveron oportunidade de coñecer as salinas romanas do Seixal e as rupestres das Lagoas, ademais de recoller lixo no litoral comprendido entre Congrido e O Puntal.
 
 Esa visita guiada contou coa presenza de Mar Cortegoso Comesaña, arqueóloga que en 2018 dirixiu as escavacións da factoría salineira do Seixal, así como os técnicos de Patrimonio e Desenvolvemento Local, que explicaron aos escolares como foi o proceso para descubrir e por en valor este importante elemento patrimonial.  

 A visita estivo dividida en dúas partes: unha divulgativa, a cargo de Mar Cortegoso, e  outra máis interactiva empregando a app da web https://www.mardesal.aguarda.es/proxecto-de-ciencia-cidada/ coa que os alumnos sacaron fotografías coas que identificar novas salinas rupestres. 

 O proxecto de Ciencia Cidadá na Guarda, Mar de Sal, ten como obxectivo facilitar a participación da cidadanía na investigación científica da produción de sal na Antigüidade. É moi sinxelo: mediante unha app para móbil, calquera persoa interesada pode colaborar na recollida de datos en campo, participando na prospección de novos xacementos arqueolóxicos.   

 Escolares recolleron lixo no litoral guardés

 A actividade permitiu tamén unha recollida de lixo por parte dos escolares pola costa entre O Seixal e o Puntal, destacando o compromiso do proxecto co Medio Ambiente e o entorno onde se levou a cabo o mesmo.  

 Ao rematar a actividade, cada alumno foi agasallado cunha gorra e unha mochila de Mar de Sal.

 O proxecto “A Guarda, Mar de Sal” permitiu a restauración e consolidación definitiva das estruturas das Salinas Romanas da Zona do Seixal na Guarda. 

 As fotografías desta xornada se poden consultar nas redes sociais do Proxecto A Guarda, Mar de Sal: https://www.facebook.com/AGUARDAMARDESAL/   

 Esta actividade forma parte da segunda fase deste proxecto na cal se realiza a musealización do xacemento, se publican os resultados das investigacións iniciadas o ano pasado e se convida a diferentes segmentos da poboación a participar en actividades de divulgación.


Imaxe de arquivo do equipo de arqueólogos traballando no verán de 2018 na escavación das salinas romanas do Seixal
  

 «A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas romanas da zona do Seixal e das rupestres, localizadas nas Lagoas (Camposancos), así como Puntal e outros enclaves do litoral atlántico do termo municipal da Guarda e, que se levará a cabo en dúas anualidades ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica do investigador da Universidade de Coimbra e do grupo de investigación Estructura Social y Territorio. Arquitectura del Paisaje (EST-AP),  do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Brais Currás Rúa.  

 O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un  medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.  

 O proxecto «Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.   

 O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74.496,68€, repartidos en dúas anualidades (2018 e 2019).

Ningún comentario:

Publicar un comentario