9 de dec. de 2019

TOMIÑO

Tomiño aposta pola eficiencia enerxética do edificio do Concello, coa instalación dunha caldeira de biomasa 

O importe das obras é de 83.472,71 €, cofinanciados cunha subvención do IDAE, no marco do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020  

Vista da Casa do Concello de Tomiño desde á Praza do Seixo
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño vén de adxudicar a colocación dunha caldeira de biomasa e un novo sistema de iluminación LED que permitirán mellorar substancialmente a eficiencia enerxética da casa consistorial.  

 A empresa adxudicataria (Termocalor Vigo S.L.) será a encargada de executar as obras nun prazo de 5 meses, de  “Mellora da eficiencia enerxética do Concello de Tomiño”, por importe total de 83.472,71 €, cofinanciados cunha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE), dentro das axudas a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono, no marco do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020.  

 Ditas obras consistirán na optimización do consumo enerxético mediante a substitución da caldeira de gasóleo C de 110 Kw, por unha de biomasa de 108 Kw de potencia, alimentada con biocombustibles, para subministro de calefacción e instalación de luminarias LED. cun prazo de execución de 5 meses.  

 A caldeira de biomasa estará dotada dunha flexibilidade máxima nos posibles combustibles (pellets, oso de oliva, astillas ata G50/W40, agropellets, etc.), así coma dun sistema de autolimpeza con parrilla de alta alleación, acendido de alto rendemento e baixo consumo.  

 A instalación da nova caldeira de biomasa é unha aposta decidida do Concello polas enerxías limpas e tamén polo aforro enerxético, converténdose nun dos primeiros de Galiza en gozar deste tipo de equipamentos.  

 Nesta liña, Lois Vázquez, concelleiro de Servizos Públicos e Eficiencia Enerxética, explicou que “coas novas obras obterase un aforro moi significativo, ademais de apostarse por unha das enerxías limpas do presente e do futuro, conseguindo mellorar substancialmente a eficiencia enerxética do edificio municipal, e avogando polo uso das enerxías renovables nos espazos públicos”; tema no que o goberno municipal vén traballando varios anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario