21 de nov. de 2019

VITICULTURA

MEDIO RURAL DESENVOLVE NA DELEGACIÓN DA XUNTA EN PONTEVEDRA  UNHA XORNADA SOBRE O USO SUSTENTABLE DOS PRODUTOS FITOSANITARIOS NA VIÑA        

· Preto de 60 persoas analizaron como compatibilizar o uso de produtos fitosanitarios co medio ambiente, o uso do cobre nos viñedos e a protección persoal durante os tratamentos 

A Delegación Territorial da Xunta e Galicia en Pontevedra foi escenario hoxe dunha xornada sobre o uso sustentable dos produtos fitosanitarios na viña
Foto: X.G.
 
Infogauda / Pontevedra

 A Delegación Territorial da Xunta e Galicia en Pontevedra foi  escenario hoxe dunha xornada sobre o uso sustentable dos produtos fitosanitarios na viña, organizado pola Consellería de Medio Rural.   

 O obxectivo desta xornada, á que asistiron preto de 60 persoas, foi analizar cómo compatibilizar o uso de produtos fitosanitarios co medio ambiente, o uso do cobre nos viñedos e a repercusión das formulacións dos produtos nas características do viño.   

 Tamén se analizaron outras cuestións como a protección do persoal durante os tratamentos, o prazo de seguridade de reentrada nos recintos de viñedo despois dun tratamento con fitosanitarios e o desenvolvemento dunha app para información fitosanitaria do viñedo en Galicia.   

 Durante o desenvolvemento das conferencias amosouse a problemática do uso irracional dos produtos fitosanitrios empregados no cultivo da vide en Galicia, con consecuencias tanto para o medio ambiente como na elaboración do viño. Tamén se analizaron as perspectivas de futuro baseadas no uso sustentable destes produtos.  

 Esta actividade formativa persegue a concienciación do sector sobre a importancia dun control de pragas e enfermidades baseado na menor utilización de produtos fitosanitarios.  Unha expresión máxima do mantemento do viñedo nun marco máis respectuoso co medio é o cultivo ecolóxico onde se minimiza a utilización de produtos fitosanitarios.   

 Faise necesario transmitir aos axentes do sector os avances no coñecemento científico e técnico que hoxe en día se teñen sobre a xestión das enfermidades e pragas no viñedo, afondando na xestión integrada e a xestión ecolóxica para lograr unha maior sustentabilidade do viñedo.  

 É preciso diferenciar as distintas maneiras de xestionar o viñedo. Por unha banda, existe unha viticultura convencional inmersa na xestión integrada, que é tendente á redución do uso de fitosanitarios e herbicidas, e por outro lado está a viticultura orgánica da que forma parte a viticultura ecolóxica, máis restritiva co uso de produtos químicos e máis ligada á utilización de substancias naturais para o seu control. En todos os casos procúrase a utilización de formas de cultivo que minimicen o risco de enfermidades e pragas.   

 Deste xeito, esta acción de transferencia foi dirixida ás persoas que desenvolven a súa actividade no sector agrario, tanto viticultores como adegueiros, enólogos e persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores.   

 A xornada “Uso sustentable dos produtos fitosanitarios na viña” atópase incluída dentro do plan de transferencia tecnolóxica para o apio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2019, cofinanciadas ao 75% con fondos Feader.

Ningún comentario:

Publicar un comentario