atlanTTic organiza unha vintena de actividades para achegar as novas tecnoloxías da comunicación á sociedade
Celebraranse o venres 15 de novembro de 16:00 a 19:00 horas dentro da segunda edición do programa Divulgando Ciencia Singular. Todas de balde
Vista parcial dos visitantes na edición precedente
Foto: atlanTTic
Infogauda / Vigo
O centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, abrirá de novo as súas portas ao público este venres 15 de novembro nunha xornada na que se desenvolverán unha vintena de actividades para todos os públicos e que contará con visitas guiadas a espazos destacados dentro das súas instalacións. Esta xornada celébrase ao abeiro do programa de actividades de divulgación científica e tecnolóxica Ciencia Singular, que chega á súa segunda edición co obxectivo de dar a coñecer á sociedade o traballo desenvolvido nos catro centros singulares de investigación da universidade viguesa: atlanTTic, o Centro de Investigación Mariña (CIM),o Centro de Investigaciones Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial (Cintecx).
“Como centro de investigación, en atlanTTic abórdanse numerosos retos da sociedade con tecnoloxías de telecomunicación en ámbitos como a saúde, o medio ambiente ou a seguridade nas comunicacións. A participación neste tipo de iniciativas permítenos facer chegar este traballo á sociedade, dun xeito que incluso fai posible achegarse á tecnoloxía que se atopa detrás a través de diversos talleres e visitas guiadas”, salientou Carlos Mosquera, director do centro de investigación. Mosquera recalcou que “as tecnoloxías de telecomunicación están presentes nas nosas vidas máis do que imaxinamos, a veces de formas insospeitadas, e vemos necesario contribuír á súa difusión, dado que como sociedade necesitamos coñecer para opinar con criterio. Así, comunicacións por satélite, comunicacións ópticas, ouo 5G, todo ten matemáticas, física e unha importante dose de enxeñaría que poden espertar incluso vocacións entre os máis pequenos e pequenas”. Ademais, esta iniciativa “fainos entender algo esencial, que se pode facer investigación de calidade aquí cerca, nos centros da Universidade de Vigo, en moitos casos con xente moza e moi motivada que formará parte do equipo que acompañará ás persoas visitantes”.
Todas as actividades serán gratuítas e para toda a familia e desenvolveranse entre as 16:00 e as 19:00 horas nas instalacións de atlanTTic na Escola de Enxeñería de Telecomunicacións no campus universitario de Vigo. Aínda que non é imprescindible realizar inscrición previa, todas as persoas interesadas en asistir poden rexistrarse na web (http://cienciasingular.gal/atlanttic/) e axudar así á organización a ter unha estimación de participación.
Temáticas variadas
A través de 13 obradoiros e 3 visitas guiadas,o persoal dos grupos de investigación que conforman atlanTTic explicarán que se fai neste centro de investigación, como e onde se fai. Falarán dos proxectos nos que se están traballando na actualidade, amosarán os laboratorios e os equipos que empregan no seu traballo cotiá e desenvolverán obradoiros, experimentos e actividades para dar a coñecer máis en detalle a tecnoloxía.
Todas as persoas participantes poderán asistir a un, a varios ou a todos os talleres, deseñados en forma de demostracións prácticas e pedagóxicas para dar a coñecer as tecnoloxías da telecomunicación. Deste xeito, ao longo da tarde desenvolveranse os seguintes obradoiros:
- Lightboard. Nesta actividade amosarase unha lousa de cristal luminosa para proporcionar unha formación máis transparente.
- Impresión 3D, coa visualización do funcionamento dunha impresora deste tipo.
-Fabricación de placas de circuíto impreso (PCBs). Amosaranse os distintos pasos necesarios para a fabricación destes circuítos, desde o deseño e a fabricación da placa ata o resultado final con todos os compoñentes xa soldados.
- Redes de comunicación 5G.
- Comunicacións ópticas (I) e (II). Nesta actividade tratarase de comprender de forma didáctica os mecanismos fundamentais da luz, con experimentos prácticos realizados sobre auga, dulces ou M&Ms ou coa transmisión de información a grandes distancias a través dun láser.
- Apps accesibles. Presentarase TalkAACtive, unha aplicación que busca axudar no marco laboral a persoas que padecen Trastorno de Espectro Autista.
- Bot de entretemento e acompañamento (BEA), un chatbot con empatía para acompañar a persoas maiores a través de noticias de interese que buscan mellorar o seu día a día.
- Aplicacións accesibles: Panoramix. Un novo método de detección precoz do alzhéimer a través dunha batería de xogos de sete áreas cognitivas.
- Se o vexo non o creo. Con este taller demostrarase o funcionamento das ferramentas de análise forense de contidos multimedia, detectando manipulacións en fotos e vídeos imperceptibles para o ser humano.
- Biometría. Recoñecemento biométrico de persoas con énfase en aplicacións de internet.
- Radar e xeolocalización para mellorar a loita contra os incendios forestais.
- Nanosatélites. Membros de atlanTTiclevan desde 2007 desenvolvendo nanosatélites baixo o estándar CubeSat, sendo responsables do lanzamento ao espazo en 2012 de Xatcobeo, o primeiro nanosatélite español.
Ademais, como complemento a estes talleres as persoas interesadas poderán participar na visita guiada que se fará ao laboratorio de seguimento de satélites, que conta cun gran número de antenas e un moderno equipamento electrónico que permite participar en todas as etapas que seguen ao lanzamento dunha misión espacial; o laboratorio de medidas radioeléctricas, onde se realizan ensaios de medidas de antenas ou medidas de compatibilidade electromagnética, entre outros; e os laboratorios de acústica, onde se farán probas para experimentar de primeira man as diferentes posibilidades acústicas.
Divulgando Ciencia Singular
Estas actividades forman parte da segunda edición do programa Divulgando Ciencia Singular, a través do que, durante os meses de novembro e decembro, os Centros Singulares de Investigación da Universidade de Vigo (atlanTTic, CIM, CINBIO e Cintecx) levarán a cabo unha serie de actividades de divulgación científica gratuítas e para todos os públicos para dar a coñecer a súa actividade investigadora e a importancia que esta ten para a sociedade en xeral.
Trátase dunha serie de actividades cofinanciadas pola Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do Programa de Axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia, cofinanciado con fondos FEDER, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Máis información e inscricións en http://cienciasingular.gal/atlanttic/
Máis información e inscricións en http://cienciasingular.gal/atlanttic/
Ningún comentario:
Publicar un comentario