27 de nov. de 2019

TUI

O presidente da Xunta de Galicia inaugurou o novo edificio xudicial de Tui


Feijóo destaca que o novo edificio xudicial de Tui, cun investimento de case 3 M€, concentra nunha infraestrutura os 3 xulgados con máis espazo e mellores condicións  

Destaca que serán 1.500 m2, un incremento de superficie útil con respecto ás actuais dependencias de máis de 500 m2

Salienta que o gasto en xustiza se incrementou nos últimos dez anos grazas ao Plan de infraestruturas xudiciais, que contaba cun presuposto inicial de 97 M€ que xa foi superado con máis de 115 M€  

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo - no centro da imaxe - na inauguración do novo edificio xudicial de Tui
Foto: X.G.

Incide en que que esta nova infraestrutura xudicial, e o resto das incluídas no plan, permiten dotar ás principais cidades galegas de edificios xudiciais modernos e funcionais que resolven os problemas existentes e cobren as necesidades futuras  

Avanza que nas próximas semanas licitarase o anexo ao enlace da vía de alta capacidade entre Tui e A Guarda

Infogauda / Tui

 O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o novo edificio xudicial de Tui, cun investimento de preto de 3 millóns de euros, recupera un edificio céntrico e concentra nunha soa infraestrutura os 3 xulgados e 3 salas de vistas con máis espazo e mellores condicións.  

 Trátase dun edificio de 1.500 m2, un incremento de superficie útil con respecto ás actuais dependencias de máis de 500 m2, que darán servizo a 50.000 habitantes da comarca e a unha Administración de máis de 30 empregados públicos. O presidente da Xunta de Galicia puxo en valor a mellora na eficiencia enerxética do edificio grazas a un notable reforzo do illamento.  

 Durante o acto inaugural, Feijóo recordou que, a pesar do cambio de función do edificio, este seguirá estando ao servizo dos cidadáns e dos veciños de Tui que acudan á Administración de Xustiza. Ao fío disto, o presidente da Xunta reflexionou sobre a necesidade de dotar aos servizos públicos de medios, recursos e actualizacións, así como de garantir a estabilidade institucional e a gobernabilidade.  

 A este respecto, lembrou que Galicia leva desde 1995 administrando as competencias do Servizo de Administración de Xustiza en materia de medios persoais e económicos con responsabilidade e priorizando este gasto ao entendelo como unha inversión de carácter social, “lonxe de recortar durante a crise, aumentamos o investimento”, subliñou.  

 Un esforzo orzamentario que, tal e como explicou, se incrementou nos últimos dez anos grazas ao Plan de infraestruturas xudiciais. Un plan que ten por obxecto mellorar as instalacións existentes e prever as necesidades estruturais da planta xudicial do futuro e que contaba cun presuposto inicial de 97 M€ que xa foi superado con máis de 115 M€ investidos polo de agora.  

 De feito, este incremento materialízanse na xa rematada rehabilitación da Fábrica de Tabacos da Coruña, nos novos edificios xudiciais de Ourense, Santiago e Pontevedra–nestes momentos co inicio do traslado-, e no edificio do antigo Hospital Xeral de Vigo que, unha vez rematen as obras, albergará todas as dotacións xudiciais da cidade, “a maior infraestrutura xudicial nunca feita en Galicia”, sentenciou.  

 Así, o presidente da Xunta puxo en valor que esta nova infraestrutura xudicial e o resto das anteditas incluídas no plan permiten dotar ás principais cidades de Galicia de edificios xudiciais modernos e funcionais que resolven os problemas existentes e cobren as necesidades para as próximas dúas décadas.  

 Feijóo sinalou os avances nos servizos fundamentais para a organización da Administración de Xustiza, que son as infraestruturas tecnolóxicas, incidindo en que “hai unha administración de xustiza antes e despois de 2009”. Así, destacou os 50 millóns de euros destinados ao Plan Senda, co que conseguimos moitos avances neste eido como a implantación do repositorio unificado xudicial, que é a base do resto de aplicacións como o visor do expediente xudicial ou a sede electrónica.  

 Ademais, incidiu noutros avances como a posta en marcha das oficinas de atención á vítima nas 7 cidades galegas, a renovación do mobiliario e “a asistencia xurídica gratuíta a todas aquelas persoas que non cobren o umbral de renda que establece a lei e que supón para a Xunta un investimento de 10 millóns de euros”, aseverou.  

 Finalmente o presidente da Xunta concluíu recordando que o Goberno galego, a pesar da crise económica, inaugurou no ano 2016 “o centro de saúde que merecía Tui, o centro de administración de xustiza que Tui merecía”. Tamén aseverou que espera ter o solar axeitado para mellorar o colexio de Pazos do Rei e avanzou que nas próximas semanas se licitará o enlace de Areas, anexo ao treito 1 da vía de alta capacidade entre Tui e A Guarda.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario