«O Camiño Aguárdate», un proxecto de O Teu Xacobeo
Que
nace coa idea de promocionar, dinamizar e por en valor todos os
atractivos do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola Guarda
O alcalde de A Guarda - no centro da imaxe -, a concelleira de Cultura e Patrimonio - 2ª pola dereita -, coa técnica de Cultura do Concello de A Guarda, o presidente da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos e representantes da Asociación A Jalleira, na presentación do proxecto «O Camiño Aguárdate»
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda acolleu este mércores día 27 de novembro de 2019 a presentación do proxecto «O Camiño Aguárdate», que nace coa idea de promocionar, dinamizar e por en valor todos os atractivos do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola Guarda con iniciativas que inclúen xornadas divulgativas, unha xornada medioambiental e visitas teatralizadas.
A presentación contou coa presenza do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Cultura e Patrimonio, Mª Montserrat Magallanes Álvarez; representantes de A Jalleira AFEA e da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos.
O proxecto pretende sensibilizar, especialmente entre a poboación local, os valores que o camiño representa a nivel cultural, natural, e sobre todo social. O presente proxecto pivota sobre a divulgación dos valores ambientais e patrimoniais da ruta e sensibilización sobre a evolución socioeconómica e o impacto percibido, implicando a peregrinos e poboación local, abrindo pontes a coñecer a experiencia dos peregrinos.
Xornada Medioambiental
A primeira actividade de «O Camiño Aguárdate» terá lugar os días 6 e 7 de decembro cunhas Xornadas Medioambientais nas que se inclúen unha andaina guiada entre A Pasaxe e un espazo do Monte Santa Trega onde se realizará unha reforestación, que será a segunda actividade proposta, en colaboración con A Jalleira AFEA e a Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos.
Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 5 de decembro enviando un correo a turismo@aguarda.es ou chamando ao 986 614 546. As prazas son limitadas.
Esta actividade consta dunha ruta polo tramo do Camiño de Santiago entre A Pasaxe e A Sangriña, que se correspondería coa entrada en Galicia do Camiño de Santiago pola Costa. Nesta ruta falarase sobre a temática das especies invasoras ao longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, dando a coñecer as especies forestais autóctonas que convivían antigamente no camiño.
A actividade pecharase cunha plantación de especies autóctonas nunha parcela cedida pola Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos, na que se ensinará e explicará os asistentes a forma correcta de plantación e do seu posterior mantemento.
Máis actividades
«O Camiño Aguárdate» traerá á Guarda ademais unhas Xornadas Divulgativas sobre o Camiño de Santiago e visitas teatralizadas.
As Xornadas Divulgativas contarán coa participación de especialistas universitarios e do mundo empresarial, co obxectivo de debater sobre o Camiño de Santiago e a súa evolución e atraer á poboación local a que se interese e reflexione sobre a importancia que ten en moitos aspectos da vida diaria da vila.
As Xornadas Divulgativas realizaranse en varias sesións no vindeiro ano 2020.
As visitas teatralizadas misturan a creatividade teatral, a divulgación dos valores patrimoniais entorno ó camiño e a revalorización da peregrinaxe coma forma diferente de viaxar.
A compañía Os Quinquilláns, serán os encargados de realizar as visitas teatralizadas que terán lugar no megapoboado castrexo do Monte Santa Trega cun total de 8 sesións, para o público xeral e alumnos de secundaria, ata a primavera do 2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario