O Concello agradece a labor da Agrupación Musical de Goián, gañadora de dous premios no último Certame de Bandas Populares
A alcaldesa salientou o traballo das distintas directivas que axudaron a consolidar o “un proxecto pedagóxico único”
A alcaldesa e membros do grupo municipal de goberno do Concello de Tomiño cos compoñentes da Banda de Música da Agrupación Musical de Goián
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
O pasado sábado, o Concello ofreceu no Salón de Plenos, unha recepción á Agrupación Musical de Goián, pola súa labor e os seus recentes galardóns no XIII Certame Galego de Bandas de Música Populares, á cal a banda acudiu coa obra «Lobo de Río», do compositor goianés Andrés Álvarez, grazas a cal acadou o Primeiro premio, con 481 puntos na sección terceira, e o premio á «Mellor interpretación dunha obra de temática galega».
A Agrupación, tras interpretar un pasacalles pola Praza do Seixo, chegou ao Concello, onde a agardaban membros da corporación municipal para darlle os parabéns. De alí, trasladáronse ao Salón de Plenos, onde tivo lugar a homenaxe institucional.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, tomou a palabra para agradecer ao colectivo en nome de todo o Concello, a súa entrega e bo facer, lembrando o nacemento da agrupación hai máis de 2 décadas e da escola de música, á que asisten máis de 130 persoas de todas as idades, especialmente nenos e nenas. A rexedora salientou o traballo das distintas directivas que axudaron a consolidar o “un proxecto pedagóxico único”, e a figura de Andrés Álvarez, músico saído da agrupación e recoñecido compositor de música de banda na actualidade. Tamén tivo palabras de agradecemento para Pedro Villarroel, actual director, “cuxo esforzo, disciplina, ánimo, entusiasmo e tenacidade fan da banda unha familia que se enfronta a constantes desafíos, sempre cun sorriso”.
Pilar Ramos, presidenta da Agrupación Musical de Goián, agradeceu as palabras da alcaldesa, e o apoio incondicional do Concello, sen o cal o proxecto non sería posible. Salientou asemade o papel do director, que fai posible coa súa perseveranza a consecución de cada obxectivo, coma os premios obtidos nos certames, sacando de cada alumno ou alumna o mellor de cada un.
Pechou a quenda de discursos, o propio director, Pedro Villarroel, quen asegurou que “así coma Tomiño atópase orgulloso da súa banda, a banda séntese orgullosa do pobo que ten. Quero por en valor o traballo que fan os integrantes da agrupación e o talento que sen dúbida teñen. Conseguimos o éxito pero so polo traballo que facemos todos os días”, lembrou, antes de pechar o acto coa interpretación do himno galego.
Finalmente, a directora da agrupación e o director foron convidados a asinar no Libro de Honra do Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario