UN NOVIDOSO MECANISMO DE XESTIÓN PROPOSTO POLA UNIÓN EUROPEA SERÁ A CHAVE DO FINANCIAMENTO DA ESTRATEXIA RÍO MIÑO TRANSFRONTEIRIZO 2030
A creación dun Investimento Territorial Integrado (ITI) no territorio galego portugués, permitiría optimizar a xestión os fondos europeos, explicou Benítez
De esq. a der.: Uxío Benítez Fernández, Carlos
López Font, Sandra González Álvarez, Rubén Camilo Lois González e
João Fernando Brito Nogueira
Fotos: D. PO.
Fotos: D. PO.
Vista parcial dos asistentes a primeira das xornadas organizadas pola Deputación de Pontevedra e o Grupo Ante da Universidade de Compostela.
Infogauda / Tomiño
O futuro financiamento da “Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030” reuniu hoxe en Tomiño a especialistas estatais, rexionais e representantes de todas as entidades locais do territorio nunhas xornadas organizadas pola Deputación de Pontevedra e o Grupo Ante da Universidade de Compostela. O encontro serviu para coñecer un innovador instrumento impulsado pola Comisión Europea durante o período 2014 – 2020, o Investimento Territorial Integrado (ITI), que segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Río Miño, Uxío Benítez Fernández, podería ser a chave do financiamento da estratexia miñota. No acto de inauguración tamén estiveron presentes o deputado de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, o investigador do Grupo Ante - Análise Territorial, Rubén Camilo Lois González e o presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira en representación do CIM Alto Minho, João Fernando Brito Nogueira.
Segundo indicou Benítez, un Investimento Territorial Integrado (ITI) é un instrumento de xestión que permite optimizar e integrar fondos europeos garantindo o seu máximo aproveitamento. Para a súa implementación é necesario contar cunha serie de requisitos que “no noso caso cumprimos perfectamente” xa que “ademais de contar cunha situación xeoestratéxica e un enorme potencial de desenvolvemento económico do territorio, temos un documento estratéxico e unha folla de ruta co que queremos facer de aquí ao 2030” polo que a creación dunha ITI para o territorio transfronteirizo durante o próximo marco comunitario dos Fondos Europeos “encaixa perfectamente co noso proxecto”.
Nesa mesma liña apuntou o secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE), Martín Guillermo, para quen a posta en marcha dun ITI no territorio sería a “guinda final” a un traballo que dende Europa “levan observando dende o inicio”, co nacemento do AECT Río Miño. “A cooperación transfronteiriza ben feita ten moitos efectos virtuosos que incluso pode atraer investimentos privados e os ITI son mecanismos de xestión que aforran tempo, esforzo e diñeiro”. Para a súa posta en marcha “é imprescindible que exista unha alianza estratéxica cos estados, porque estes teñen a decisión final, pero tamén co resto de administracións rexionais e locais”, polo que instou a todas elas a comprometerse con este proxecto “xa que aí está a clave”.
Un dos casos máis significativos dos presentados durante a xornada foi o do ITI italoesloveno de Gorizia/Nova Gorica/ Sempeter-Vrtojba, o único caso de ITI transfronteirizo en Europa que, segundo explicou a súa representante, Tanja Curto, garda moitas semellanzas co caso do Río Miño Transfronteirizo polas súas características similares.
Tamén está a participar neste encontro o experto en financiamento europeo e consultor para a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea (DG Regio), Jonatan Paton, o subdirector adxunto de Cooperación Territorial do Goberno español, Moisés Blanco Maceira ademais de especialistas universitarios en diferentes materias.
As xornadas continuarán este martes 19 cunha reunión de todos os representantes as eurocidades da fronteira ibérica para o intercambio de experiencias e boas prácticas na que participarán entre outros a alcaldesa de Ayamonte, Natalia Santos (Eurociudad del Guadiana); o rexedor de Badajoz, Francisco Javier Fragoso (Eurociudad de Badajoz – Elvas); o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro (Eurocidade Tui – Valença); a alcaldesa de Tomiño, Sandra González (Eurocidade Tomiño - Cerveira), e o secretario executivo da Eurocidade Chaves Verín, Pablo Rivera Búa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario