25 de nov. de 2019

SOBREDO (GUILLAREI) TUI

No seu 97 aniversario

CONMEMORACIÓN DOS SUCESOS DE SOBREDO 

Carlos Babío Urkidi, investigador e co-autor do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, salientou na súa intervención que a recuperación de Sobredo acada unha dimensión, que vai mais alá do sucedido neste lugar

A choiva non impediu o desenvolvemento dos actos en Sobredo
Foto: IEAMSO


Infogauda / Sobredo (Guillarei)

 Na chuviosa mañá do domingo día 24 de novembro, realizouse a conmemoración dos sucesos de Sobredo, no seu 97 Aniversario. Os actos, organizados polo Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSO), desenvolvéronse no propio lugar de Sobredo (Guillarei - Tui), a partir das 11:00 horas, no Campo dos Mártires, lugar onde se ergue o Monumento na memoria de Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis (Tui), Xoaquín Estévez, de Soutelo (Salceda), e Venancio González, de Budiño (Salceda), que perderon a súa vida neste sitio, baixo os tiros da Garda Civil, cando se opoñían ao embargo de bens a un veciño que non pagara rendas de foros, un 28 de novembro do ano 1922.  

 Os sucesos de Sobredo, cunha destacada repercusión en toda Galiza, simbolizan dende entón o acto solidario de loita contra a inxustiza e a explotación da sociedade labrega da época.  

 Neste aniversario dirixiuse ao público Carlos Babío Urkidi, investigador e co-autor do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, quen na súa intervención salientou que a recuperación de Sobredo acada unha dimensión, que vai mais alá do sucedido neste lugar, xa que recolle o significado e a memoria de labregas e labregos que morreron cando loitaban pola mellora dos medios de vida e a reivindicación da plena propiedade da terra.  

 Recordou nese contexto a loita agraria de Meirás, nos anos 30, na que unha das vítimas foi o seu propio avó, un conflito que derivou nos anos a seguir, co golpe de estado de 1936, en represión aos lideres sociais que afrontaran a loita pola xustiza social e en contra os que cobraban rendas agrarias; e sinalou a relevancia de actos como o de Sobredo para recuperar a memoria colectiva das reivindicacións sociais, en momentos como o presente.  

 Asistiron ao acto representacións de entidades veciñais do Baixo Miño, O Condado, Val Miñor e Vigo. Así mesmo, concorreron a alcaldesa-pedánea da Entidade Local Menor de Camposancos; a alcaldesa do Concello de Salceda de Caselas, o alcalde de Tui, concelleiras e concelleiros de municipios da zona.  

 O acto de conmemoración concluíu cunha ofrenda floral no Monumento aos Mártires, unha obra da autoría do escultor Camilo Nogueira, erguida no ano 1932, no décimo aniversario, derrubado no mes de xullo de 1936 e reconstruído en 1988, por iniciativa de entidades veciñais (Asociacións de Veciños, Comunidades de Montes, Culturais; etc.), pasados mais de cincuenta anos do seu derrube.

 Ao ritmo da Antiga Marcha do Reino, interpretada polo Grupo de Gaitas “Folieiros”, que así mesmo, interpretou o Himno de Galiza, remataron os actos do 97 aniversario dos sucesos de Sobredo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario