24 de nov. de 2019

A GUARDA

PARA CONMEMORAR A FESTIVIDADE DE SANTA ICÍA

A BANDA DE MÚSICA DA AGRUPACIÓN MUSICAL DE A GUARDA E A CORAL DO CLUB DA TERCEIRA IDADE E PENSIONISTAS DE A GUARDA OFRECERON UN BRILLANTE CONCERTO

Víctor Luis Alonso Treinta, director da Banda de Música Agrupación Musical de A Guarda, e todos os compoñentes postos en pé, correspondendo aos aplausos do respectable público  
Reportaxe fotográfica: Eduardo Rodríguez Pereira

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 A media tarde  - 17:00 horas - de onte sábado 23 de novembro de 2019, a igrexa parroquial de Santa María de A Guarda, acolleu o Concerto de Santa Icía, organizado pola Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda.

 O evento cultural, que foi presentado coa súa habitual altura de contido e mestría na dicción polo párroco Jesús García Villadóniga, comezou coa actuación da Coral do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda, dirixido por David González Sobrino.

Coral do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda


 A Coral do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda interpretou as seguintes obras:

· Compañeira, de Julio Domínguez
· Salió de Jamaica, de Ángel Viro
· El abanico, (habanera popular), rexistrada por J. Trayter
· La fuente del placer, de Rey Rivero
· Enguedellos, de Rey Rivero
· Canteiro, de J. Oliveira

 A formidable actuación da Coral do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda mereceu os aplausos do respectable público que asistiu ao concerto, como tamén as verbas de gratitude que David González Sobrino, dirixiu a Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, por habelos convidado a este acto cultural, con motivo da celebración da festividade da Patroa dos músicos.

 Logo dun breve intermedio, necesario para ubicar axeitadamente as cadeiras dos músicos, e da correspondente afinación instrumental, labores dos cales ocupouse Víctor Luis Alonso Treinta, director da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda; farían súa entrada os novos compoñentes - Diego Lomba (saxo tenor), Gabriel González (percusión), Sara Lomba (saxo alto), África Vicente (saxo alto) e Nicolás Lomba (tuba) -, que recibirían ás insignias da entidade musical e os aplausos dos asistentes. 





As novas incorporacións da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, recibiron das súas madriñas e padriños as correspondentes insignias que os acredita como compoñentes da emblemática entidade musical


 E e xa sen máis, daría comezo a segunda parte do Concerto de Santa Icía, no cal a referida banda, precedida polas oportunas e respectivas explicacións previas, por parte do director, interpretaría ás seguintes obras:

· Cavalleria Rusticana (Intermezzo), de Pietro Mascagni
· Lela, de Rosendo Mato/Alfonso Daniel R. Castelao
  (Clarinete solista: Ana González)
· L`arlesiènne (2ª suite) Minueto - Farandola, de Georges Bizet
  (Frauta solista: Laura González Portela)
· Vals (2ª Suite de Jazz), de Dmitri Shostakovich 
· Enrique López (pasodoble), de Antón Alcalde
· Tritsch - Trastch - Polka, de Johan Strauss
· Radetzky Marsch, de Johan Strauss

Interviu como pianista acompañante Antonio González Uris.

Ana González, clarinete solista, na súa actuación de onte
Laura González, frauta solista, na súa actuación de onte


 E como broche final do concerto, en nome propio e no de todos  os compoñentes, familiares e directivos, o director da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, Víctor Luis Alonso Treinta dirixiu unhas verbas á audiencia, agradecendo súa asistencia a este acto cultural e aproveitou á ocasión para incidir na necesidade de apoiar entidades como esta, que nos enriquecen como pobo. Ao mesmo tempo desexou unhas felices festas de Nadal, emprazándonos para o 2020, no cal a Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, conmemorá seu XV Aniversario.

 Foi unha actuación para relembrar gratamente por haber logrado grazas á Música, a maxia de transportarnos imaxinariamente a un auditorio - que o movemento asociativo e o pobo de A Guarda necesitan como o aire que respiramos - que nos evoca, salvando obviamente as distancias que corresponden, o Concerto de Ano Novo na Sala Dourada da Musikverein de Viena (Austria). Con razón o público soubo responder cos seus aplausos, premiando o esforzo e o magnífico labor, moitas veces invisible, dos profesores, dos propios músicos, das familias, e dunha activa xunta directiva, que xunto co apoio do Concello de A Guarda e doutras institucions (Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia), están facendo posible que a Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda sexa unha consolidada e fermosa realidade, que conta xa cunha traxectoria de 14 anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario