25 de nov. de 2019

MOVEMENTOS SOCIAIS

A Secretaría das Mulleres da CIG pon a atención na precariedade dos traballos relacionados cos coidados neste 25 de Novembro 

A central esixe a súa revalorización e que estean no centro das políticas públicas

Baixo o lema “A precarización do traballo nos coidados é violencia machista”, a Secretaría das Mulleres da CIG está a desenvolver este luns concentracións nas principais cidades e vilas con motivo da conmemoración do 25 de Novembro, Día para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres
Foto: CIG

Infogauda / Galiza

 Baixo o lema “A precarización do traballo nos coidados é violencia machista”, a Secretaría das Mulleres da CIG está a desenvolver este luns concentracións nas principais cidades e vilas con motivo da conmemoración do 25 de Novembro, Día para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Nesta ocasión, a central sindical focaliza a súa campaña na explotación que está detrás de todas as actividades relacionadas cos coidados, a súa minusvaloración e a cada vez maior precarización.

 Con motivo da conmemoración do 25 de Novembro, a CIG realizou concentracións esta mañá na Coruña, Cervo, Compostela, Ferrol, Gondomar, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vilagarcía. E ás 20 horas houbo concentración diante do local da central en Chantada.   

Denunciar a hipocrisía institucional  

 Margarida Corral, secretaria confederal das Mulleres da CIG, explicaba durante a protesta realizada na Coruña, que se acordou convocar concentracións, principalmente diante de concellos e edificios administrativos, “para denunciar a hipocrisía dos gobernos, que este día amosan o seu compromiso contra a violencia machista, cando están escravizando as mulleres que dedican a súa vida ao traballo mal pagado e precario dos coidados”.  

 Un traballo, asevera, imprescindíbel para o sostén da vida e que, polo tanto, tería que estar no centro das políticas públicas, mais que está invisibilizado, non se recoñece, nin se valora. "A situación que atravesan as traballadoras so sector dos coidados é de absoluta precariedade e nalgúns casos, case de semi-escravitude", alertou.

 Isto acontece porque o traballo no fogar e de coidados de persoas dependentes é continuamente ignorado pola economía capitalista e polos poderes públicos. "Ao mercantilizalos, convertéronse en empregos de segunda, e desenvólvense en condicións de elevada precariedade laboral, convivindo desigualdades de xénero, de clase, raciais (ou de etnia). E lonxe de reducirse, explica Corral, cada vez son máis as empresas que prestan este tipo de servizos, operando a través de institucións públicas, que en lugar de ofreceren directamente estas prestacións, privatízanas mediante subcontratas".  

Temporalidade e baixos salarios  

 Corral advertiu que nos traballos relacionados cos coidados, desempeñados de xeito maioritario por mulleres, estas non só padecen a temporalidade e salarios miserentos, por debaixo do SMI, senón que mesmo se ven obrigadas a realizar tarefas para as cales non están contratadas. Isto, ademais, sen EPI’s, con problemas de conciliación, acoso sexual nos domicilios, acoso laboral e por razón de sexo ou concrecións horarias da xornada con variacións diarias.

 Neste "círculo explotador", as administracións xogan un papel determinante e por iso, coas mobilizacións deste luns, dende CIG "queremos quitarlle a careta a eses concellos e administracións que o 25-N van facer plenos extraordinarios e pendurar lazos e crespóns negros e son quen están exercendo esa violencia institucional contra milleiros de traballadoras no noso país”.  

 Así, apunta ao Estado e a Xunta de Galiza como culpábeis da precarización de miles de mulleres que traballan no sector dos coidados, sexa mediante  xestión directa por parte da administración pública, ou privatizados por empresas que as escravizan. “Acusamos directamente a todo un sistema que baixo o eufemismo do benestar, violenta deliberadamente a miles de mulleres no país; converte as miserias de moitas en cartos para uns poucos; non fai máis que espallar a frustración das persoas ás que van dirixidos os servizos e escraviza as mulleres que neles traballan”.  

 Neste senso, enfatizou que "as galegas non fixemos dúas folgas o 8 de marzo -que non só foron laborais, senón tamén de consumo, estudantil e de coidados-, para que todo siga igual. Xa é hora de que haxa un cambio real e que a problemática dos coidados estea no centro das políticas públicas".  

Demandas da CIG

 Para poñer fin á esta violencia institucional, a Secretaría das Mulleres da CIG esixe a integración no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar de todo o persoal que traballe nos servizos de axuda no fogar, universalizando a atención á dependencia con servizos sociais de axuda a domicilio, centros de día e residencias asistidas de carácter público. "Pois para iso foi creado no seu momento", incidiu.  

 Isto xunto ao recoñecemento pleno dos dereitos laborais e protección social para as traballadoras do fogar e de coidados no Estatuto dos e das Traballadoras e a súa integración completa no Réxime da Seguridade Social; salarios dignos e adecuados ao grao de responsabilidade que esixe o traballo de coidados e accións formativas específicas para o desempeño dos postos; garantindo o cumprimento da lei de prevención de riscos laborais; recoñecendo as enfermidades profesionais e accidentes de traballo; estabelecendo medidas preventivas e protocolos de actuación ante o acoso e os riscos psicosociais derivados da actividade.  

Socialización do coidado  

 "Porque todas as persoas necesitamos e necesitaremos coidados nalgún momento: desde que nacemos, durante o proceso de crecemento, mais tamén nas enfermidades, as discapacidades que poidan xurdir, o proceso de envellecemento e finalmente na morte", reiterou a secretaria das Mulleres da CIG.  

 Por iso, o estado ten a obriga e o deber de asumir con urxencia a necesidade de socializar o coidado, recoñecéndoo como un dereito universal para todas as persoas, "e rematando coa inercia social de que dependa exclusivamente da familia, e en concreto, das mulleres. Os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorada e con escasas retribucións. Porque o traballo dos coidados é imprescindíbel para o sostén da vida".  

 A Secretaría das Mulleres da CIG convocou tamén a toda a cidadanía galega a que participe nas mobilizacións convocadas neste 25N pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos do feminismo galego en diferentes localidades do país.

Manifesto lido hoxe en Gondomar, na mobilización organizada pola Secretaría das Mulleres da CIG de Vigo
  
Tal día coma hoxe, un 25 de novembro do ano 1960, as irmás Mirabal, Patria, Minerva e María Teresa, activistas políticas e símbolos visíbeis da resistencia, eran asasinadas na República Dominicana pola policía segreda do dictador Trujillo. O brutal asasinato das mulleres, impulsou un movemento de resposta que fixo caer o réxime dictatorial, declarando o 25N como o Día internacional contra a violencia hacia as mulleres no Primeiro Encontro Feminista para América Latina e o Caribe, celebrado en Colombia no 1981, e que remataría sendo asumido en 1991 pola ONU.



59 anos despois deste suceso, as mulleres mobilizámonos en todo o mundo para denunciar que a VIOLENCIA DE XÉNERO é unha realidade sistemática que abrangue desde tortura sexual, á violencia do estado, desde agresións a violacións, incluíndo os abusos a mulleres prisioneiras políticas, como foi o caso das irmás Mirabal.



Porque todos os tipos de violencia que se exercen contra as mulleres son consecuencia da discriminación e o machismo que as mulleres sufrimos, desde a VIOLENCIA FÍSICA, A SEXUAL, A PSICOLÓXICA, A VIOLENCIA ECONÓMICA, A VIOLENCIA LABORAL, A VIOLENCIA SIMBÓLICA ou a VIOLENCIA INSTITUCIONAL son as manifestacións da necesidade dun cambio real e urxente que debemos solucionar para poder obter a igualdade real entre as persoas.



E facémolo hoxe no Concello de Gondomar, cuxo concurso foi recorrido pola CIG xa que o seu orzamento fixaba un prezo po rhora de traballo insuficiente para afrontar o pago dos soldos das traballadoras/es, nun día na que a meirande parte das institucións están a celebrar ou celebrarán actos nas que lerán declaracións de intencións, discursos mesmo de calado feminista, este mesmo concello tamén fai unha concentración amosando a súa hipocresía e a súa falla de ética, xa que ao mesmo tempo que se lles enche a boca falando de combater a violencia, exercen violencia contra as mulleres que traballan para as diferentes institucións como o SAF, por exemplo, e somos conscientes que non é o único servizo que explota ás mulleres.



No Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Gondomar, por exemplo, todas as empregadas están a tempo parcial, o que as obriga a ter que levar traballo para a súa casa para poder atender as súas responsabilidades, e son as únicas traballadoras municipais que carecen de complemento salarial.



Nós sinalamos ao goberno da Xunta de Galiza e ao Estado como culpábeis da precarización de milleiros de mulleres que traballan no sector dos coidados, sexa mediante unha xestión directa por parte da administración pública, ou privatizados por empresas que as escravizan. Acusamos directamente a todo un sistema que baixo o eufemismo do benestar, violenta deliberadamente a miles de mulleres no país, dun sistema que converte a miseria de moitas en cartos para uns poucos, que non fai máis que espallar a frustración das persoas ás que van dirixidos os servizos e escraviza ás mulleres que neles traballan. Miles de mulleres que son silenciadas, vítimas dunha violencia sistémica, tolerada pola sociedade.



Un sistema que desmantela os empregos de calidade que deberían ser públicos, para sacar a concurso caterings, SAF, xestión de centros de día, residencias da terceira idade, deixando ao rural sen atención primaria, reducindo os recursos de atención especializada, deixando sen recursos o ensino público, os servizos sociais, poxando o prezo do traballo de coidados, sacándollelo ás traballadoras e poñéndoo ao servizo do capital.



As mulleres non participamos en dúas convocatorias de folga o 8 de marzo para que non mudase nada. As mulleres esiximos unha REVALORIZACIÓN SOCIAL E LABORAL DO TRABALLO DOS COIDADOS. Pero isto non só acontece nos fogares.



Non podemos seguir aturando por máis tempo a VIOLENCIA INSTITUCIONAL que se exerce contra todas as traballadoreas que realizan este tipo de traballos. O estado ten a obriga e o deber de asumir a necesidade de socializar os coidados, recoñecéndoo como un dereito universal para todas as persoas, mais revalorizando e profesionalizando estas ocupacións. Estamos fartas dun sistema que desmantela os empregos de calidade que deberían ser públicos, precarizando, explotando e escravizando ás mulleres.



Porque todas as persoas necesitamos e necesitaremos coidados nalgún momento. A nosa vida non será viábel sen que alguén se fixese cargo de nós, ou sen que alguén nos coidase e nos protexese. Precisamos coidados desde que nacemos, durante o proceso de crecemento, mais tamén nas enfermidades, as discapacidades que poidan xurdir, o proceso de envellecemento e finalmente na morte.



O estado ten a obriga e o deber de asumir con urxencia a necesidade de SOCIALIZAR O COIDADO, recoñecéndoo como un DEREITO UNIVERSAL PARA TODAS AS PERSOAS, e rematando coa inercia social de que dependa exclusivamente da familia, e en concreto, das mulleres. Os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residal, socialmente pouco valorada e con escasas retribucións. Porque o traballo dos coidados é imprescindíbel para a sostén da vida.



Acusamos aos concellos, á Xunta de Galiza, ás Deputacións, ás empresas adxudicatarias destes servizos e polo tanto a todo o entramado que saca rendemento do sector dos coidados explotando ás traballadoras, as cales cobran salarios míseros, non se lles facilitan equipos de prevencións de riscos que axuden a manipular as cargas ás que están sometidas para realizar cambios posturais, aseos, vestimenta, desprazamento das persoas usuarias; non se lles contabiliza o tempo entre xornadas, son obrigadas a asumir o custo dos desprazamentos aos domicilios, as chamadas de teléfono; non se lles recoñecen as enfermidades profesionais causadas polos esforzos físicos; fan horas extras que non perciben mesmo estando contratadas a tempo parcial; son obrigadas a desenvolver tarefas para as cales non están contratadas; son obxecto de acoso, maltratos físicos e psicolóxicos, acoso e agresións sexuais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario