“KOKORO, ONDE O SENTIMENTO ÚNESE Á ESENCIA”, EXPOSICIÓN QUE AXUNTA A OBRA PLÁSTICA DE DÚAS PINTORAS E A LITERARIA DUNHA POETA
Os cadros de Ana Soler Fernández e Yano Yoro complétanse na exposición cos “haikus” de Francisca García Jañez
Francisca García Jáñez, Ana Soler, Yano Yoro e Ramón Jiménez, durante a presentación
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
A obra plástica e literaria de dúas pintoras, Ana Soler Fernández e Yano Yoro, e unha poeta, Francisca García Jáñez, conforman a exposición “Kokoro, onde o sentimento únese á esencia”, centrada no mundo oriental feminino, que se inaugurou na tarde de onte na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia. Segundo as autoras, a mostra, que poderá verse ata o próximo día 30, está creada como un diario emocional onde mente, corpo e espírito (conceptos que se integran no termo xaponés “kokoro”) fúndense para celebrar a vida. As tres artistas residen e crean en Galicia: Ana Soler é unha recoñecida artista plástica nada en Vigo, e Yano Yoro e Francisca García Jáñez son de Madrid e viven en Compostela e A Coruña, respectivamente. A mostra chega a Madrid despois de recalar nalgunhas cidades galegas e a inauguración aquí concentrou a preto de oitenta persoas.
Na exposición, as geishas reservadas e á vez cheas de felicidade transformada en quietude, contemplación e recoñecemento de Ana Soler e as mulleres nipoas sensuais, que respiran plenitude amorosa, de Yano Yoro complementan o espírito nipón literariamente cos “haikus” de Francisca García, poemas breves que incitan á reflexión, ecoan e incitan á beleza e a intimidade.
Na inauguración interviñeron as tres artistas e o coordinador de actividades da Casa, Ramón Jiménez, quen o fixo en representación do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega. Ademais, Francisca García ofreceu un pequeno recital de “haikus” ao que puxo música a pianista Ana García Betrán.
Jiménez falou do carácter e o sentimento nipón e presentou ás artistas: “A Ana Soler Fernández, cuxa obra se centra no imaxinario xaponés feminino a partir de emotivos retratos de geishas, nos que a intimidade e a esencia prevalecen sobre a paisaxe, con gran carga emocional e vertebrados en torno á cor; a Yano Yoro, cuxas pinturas realizadas a base da técnica ´sumi-e´ evocan a esencia da muller nipoa desde a mirada interior da plenitude amorosa. Nelas, a profusión do xesto e da paleta conectan coa emoción e o sentimento. E a Francisca García Jáñez, doutora en Filoloxía Hispánica, escritora e poeta, cuxos coñecementos do mundo oriental levárona a compoñer ´haikus´ xaponeses como os que hai nesta mostra, que a conecta e envolve suavemente, como un agasallo, co fío condutor -case invisible- das súas palabras”.
Francisca García Jáñez recitou alguns dos seus haikus acompañada ao teclado por Ana García Betrán
Francisca García Jáñez expuxo que para ela escribir “haikus” “é unha filosofía, unha disciplina, unha arte”. “Cada vez que escribo versos conéctome co meu interior, coa esencia. A páxina en branco énchese de pinceladas tímidas que tentan saír a flote e, aos poucos, o texto vai xurdindo das profundidades da alma. De súpeto, como un auténtico misterio, aparece o máxico resultado”. Tamén valorou que “´Kokoro´ é unha homenaxe ao intimismo e á sensibilidade, á conexión coa esencia do ser humano” e que nela “palabra e imaxe conectan de forma delicada e abren o camiño á reflexión”.
Ana Soler xunto a Ramón Jiménez e alguns dos seus cadros
Ana Soler Fernández explicou que nas súas últimas exposicións as súas obras “introdúcense no imaxinario xaponés a partir da creación dunha serie de geishas e paisaxes cheas de gran carga emocional. Os xogos de cor, parte crucial no meu proceso creativo, serven de guía á expresión do sentimento e permítenme capturar esa mirada oriental”. “Nas obras monocromáticas a tinta flúe e esténdese de forma caprichosa por momentos, para acabar dirixindo a mirada cara a formas máis controladas pero cun movemento libre e espontaneo. Esa combinación de trazos, veladuras e sombras é a que xera o espírito de cada gheisa e transmítese ao espectador”, precisou, apreciando que “a íntima fusión das pinturas cos ´haikus´ establece un dobre xogo entre a imaxe e a palabra, á vez que traslada ao público ao máxico momento oriental”.
Yano Yoro diante dalgunas das súas obras
Pola súa banda, Yano Yoro expuxo que “a arte da pintura a tinta ´sumi-e´ é unha das vías no camiño do zen onde a pintura flúe desde a unidade de corpo, mente e espírito (“kokoro”). É unha disciplina artística e meditativa á que estou entregada desde fai tres décadas e que conta cunha tradición de máis de cincocentos anos”. “Na austeridade das miñas pinturas busco desposuírme de artificios e aparencias superfluas para conectar coa esencia máis pura e conseguir que a man guíe ao pincel ata ser transmisora da emoción do instante. Na exposición ´Kokoro´ mergúllome nun universo feminino de emocións íntimas, onde a tinta irrompe no baleiro mostrando o visible e o invisible da sensualidade e fantasía feminina”, detallou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario