15 de nov. de 2019

MADRID

CAMBADOS PRESENTA EN MADRID UNHA SELECCIÓN DE PUBLICACIÓNS SOBRE A SÚA HISTORIA E PATRIMONIO  

A vila pontevedresa dedica especial atención á recuperación do seu legado  

De esq. á der.: J. Mª Pérez "Peridis", Alejandro Tiana, Francisco F. Rei, Ramón Jiménez, Fátima Abal e Javier García
Fotos: Casa de Galicia

Infogauda / Madrid

 A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acolleu onte a presentación de “CAMBADOS: RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA E CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL” coa selección dunha ducia de publicacións editadas polo seu concello sobre a historia e patrimonio da vila pontevedresa. Para iso contaron coas intervencións de profesionais de diferentes ámbitos: o catedrático emérito da USC e membro da RAG, Francisco Fernández Rei; o arquitecto, humorista e escritor, José María Pérez, “Peridis”; o catedrático emérito de Dereito Constitucional, Javier García Fernández; o secretario de estado de Educación e  F. P., Alejandro  Tiana Ferrer e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal Roma.  

 O encargado de recibir e dar a benvida aos invitados foi o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da  Xunta en Madrid, José Ramón Ónega. 

 Jiménez explicou que “baixo o epígrafe da recuperación da súa memoria histórica e da conservación do seu patrimonio cultural Cambados impulsa iniciativas sobre a historia local coa intención de contribuír ao coñecemento dese patrimonio cultural común”. E engadiu que “debe felicitarse ao Concello por estas iniciativas, por ser este municipio pródigo en riquezas diversas desde antigo” Non en balde por el pasaron celtas,  fenicios, romanos, godos e árabes. E sen esquecer a “os piratas  normandos, especialistas no saqueo ao longo das costas e os ríos”. Tamén destacou que “os seus naturais distinguíronse na guerra de Granada polo seu valor, o que lles fixo acredores a privilexios históricos, da agora capital do Albariño, que desde 2017 ostenta o título de “Cidade  Europea do Viño”. 

Máis dun centenar de persoas encheron a Sala A da institución, e foi preciso habilitar a Sala B para que todas as que acudiron puderan seguer o acto


 O catedrático de Filoloxía da USC, membro numerario da Real Academia  Galega e cambadés, Francisco Fernández Rei, centrou a súa intervención en resaltar o valor que tiveron sempre en Cambados as tradicións compartidas na memoria colectiva e o arraigado  espiritu de “propiedade afectiva” sobre sitios históricos (Santa Mariña,  Fefiñáns, A Torre  de San Tomé…) ou sobre institucións ou personaxes locais (o Depósito, a Escola do Convento, a Banda de Música de Castrelo, Cabanillas, Asorey…), valores do patrimonio cultural local, ben sentidos como propios por sucesivas xeracións de cambadeses. Dos libros presentados destacou pola súa rigorosidade na investigación, os traballos sobre a historia do Depósito na celebración do seu centenario (primeiro Depósito de España, creado en 1917), o traballo sobre Francisco Asorey e o que baixo o título A Torre e a sombra recompila informacións exhaustivas sobre a historia local, achegando ademais unha abundante e valiosa documentación gráfica. Non quixo finalizar sen aludir á figura de Plácido Castro, intelectual e político nacionalista, vinculado  familiarmente a Cambados. 

 Para o arquitecto, humorista e escritor José María Pérez, “Peridis”, como experto no estudo, conservación e recuperación do patrimonio histórico, destacou “o valor dos testemuños vividos directamente como fontes orais complementarias das escritas”, e destacou das obras presentadas A memoria das palabras, “como experiencia de utilización de fontes orais” ou O cinema en Cambados, “como exemplos de estudo da nosa cultura inmaterial”. Puxo como  exemplo de historia vivida o poema de Cabanillas “O sábado  na  escola”, describindo as rutinas da aprendizaxe, os xogos infantís e o Cambados de finais do século  XIX. 

 O catedrático emérito da U. Complutense e exsubsecretario de Cultura, Javier García Fernández, reflexionou sobre o valor de “a  microhistoria” para documentar as actuacións de conservación do patrimonio cultural, seleccionando de entre os libros presentados A segunda  República en Cambados ou Memoria da represión franquista en Cambados, como exemplos de recuperación de coñecementos sobre o pasado inmediato e a revista cultural Cen Follas de Artes e Letras, como exemplo de iniciativa de actualidade e vocación de futuro. 

 Pola súa banda, o catedrático e  exrector da UNED e actual Secretario de Estado de Educación e Formación Profesional, Alejandro Tiana, apoiouse nos libros Apuntes e recordos da Escuela del Convento (estudo da evolución da educación en España a través da historia dunha escola) e Breve historia de Cambados (exemplo de compendio de historia local)  para “facer evidente o valor da aprendizaxe da nosa historia máis inmediata localmente na formación dunha conciencia social, posto que o coñecemento do que pasou noutros tempos na nosa contorna xeográfica e cultural máis próxima pemitiranos coñecer e valorar mellor o ámbito social e político máis amplo no que se desenvolveu”. 

 Para pechar o acto, a alcaldesa de Cambados Fátima Abal Roma, fixo un “recoñecemento do esforzo dos municipios de España a partir da Transición Democrática por recuperar coñecementos e vestixios do seu pasado histórico”. E sinalou “o abundante esforzo de apoio editorial do Concello de Cambados en todos estes anos e agradeceu expresamente a súa xenerosa achega a todos os autores individuais e colectivos que promoveron iniciativas deste tipo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario