PRESENTACIÓN DE “AYER Y TODAVÍA”, ÚLTIMA OBRA DE VICENTE ARAGUAS
No poemario o prolífico autor nedense ofrece numerosas referencias culturais, vivencias persoais, familiares, da súa infancia e adolescencia
Na mesa, co libro en primeiro termo, e de esquerda a dereita, o poeta e autor Vicente Araguas, o coordidador de Actos Ramón Jiménez e o editor Basilio R. Cañada
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
“AYER Y TODAVÍA” é o título do último libro do prolífico autor de Xuvia Neda, (A Coruña) Vicente Araguas, publicado polo Grupo Editorial Pigmalión, e que se presentou esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia. No poemario Araguas ofrece numerosas referencias culturais, vivencias persoais, primeiras relacións de parella, situacións familiares e pasaxes da súa infancia e adolescencia. Todo en 42 poemas.
No acto interviñeron o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez; o presidente do grupo editorial Sial Pigmalión, Basilio Rodríguez Cañada e o propio autor Vicente Araguas.
Jiménez fixo a presentación en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, e nela lembrou que o autor, “o noso amigo poeta, escritor, prestixioso crítico literario -e unha chea de cousas máis- Vicente Araguas, é tamén fillo predilecto de Xuvia-Neda, a súa localidade natal”. Logrou algo que poucos conseguen, “ser profeta na súa terra”.
“A poesía escríbese ou ela escríbeche a ti, ou ambas as cousas, para que sirva de asideiro, de áncora”, dixo Jiménez citando a Araguas, para quen o verán é a estación máis favorable a certa poesía. “O verán, o estío, a min lémbrame neste contexto un libro dun escritor que Vicente aprecia enormemente, refírome a Ray Bradbury. Recordo agora o seu libro “El vino del estío”, e penso no que di o noso amigo; e se seguimos pensando e poñéndonos melancólicos as palabras “AYER Y TODAVÍA” farannos reflexionar sobre o tempo; e se nos mergullamos noutro fermoso libro de Ray Bradbury que Vicente ama profundamente, as “Crónicas marcianas”, poderemos ler fermosas palabras sobre o tempo, dixo, antes de ler uns versos de Bradbury”.
Para Basilio Rodríguez Cañada, “Vicente Araguas é, sen dúbida ningunha, un dos buques insignia do catálogo de Sial Pigmalión. “AYER Y TODAVÍA” é o oitavo froito que dá a nosa colaboración (e xa hai varios proxectos nun próximo horizonte), e estamos francamente orgullosos de el”, sinalou o editor. “Encántanos Vicente nas súas múltiples facetas, e xa as vimos case todas: profesor, crítico, tradutor, ensaísta, antólogo, prologuista… mesmo como descubridor de novos talentos que pasaron a engrosar a nosa familia, pero é sen dúbida como poeta como o preferimos”, engadiu. “Este é un libro redondo, sen máis e sen menos que o que ha de ter para converterse na perfecta referencia no futuro para coñecer a mellor poesía do seu autor, esa sabia e medida mestura de elegancia e ironía, de descaro e tenrura, de nostalxia e de esperanza… de onte e aínda”.
Pola súa banda, Araguas subliñou que “AYER Y TODAVÍA”, é un título que non engana, “vén sendo unha reflexión en voz alta sobre a usura do tempo para quen o vive desde unha posición serodia. Ben entendido que lonxe da melancolía (embridada por un pudor antichoromica)”. Nel o seu autor emprega “un distanciamento que sen resultar irónico ten un punto de épico”.
“É un libro de madurez”, asegurou o escritor bilingüe “o mellor que ata o de agora escribín en castelán, aínda que non chega a ser de confesións, pois nel, como nunca, fanse certas as palabras de Fernando Pessoa cando falaba do poeta-finxidor”. O que non significa que teña nada que ver coa mentira, polo menos no sentido moralista, Que é o que este libro non é”.
Adiantou Araguas que esta obra terá unha continuación na que xa está a preparar e cuxa edición está a punto, que será en galego, "O amor non se fala soamente", subtítulo, "Ronsel do 68", moito máis provocador desde o punto de vista autobiográfico.
Durante o acto tamén leu, como só el sabe facer, algúns dos poemas que compoñen “AYER Y TODAVÍA”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario