30 de nov. de 2019

LÍNGUA

A Xunta de Galicia recupera con 'O teu Xacobeo' a Martín de Padrozelos, considerado o primeiro trobador galego-portugués  

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe en Sarria na presentación do documental e o libro-disco do autor do século XIII

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García - no centro da imaxe - , participou hoxe en Sarria na presentación do proxecto Trobador no Camiño, Andares pola lírica de Martín de Padrozelos
Foto: X.G.

Infogauda / Sarria (Lugo)

 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe en Sarria na presentación do proxecto Trobador no Camiño, Andares pola lírica de Martín de Padrozelos, un libro-disco que rescata a figura de Martín de Padrozelos, considerado o primeiro trobador da lírica galego-portuguesa. Trátase dun proxecto impulsado pola asociación Apecsa que conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través de O teu Xacobeo, o programa posto en marcha polo Goberno autonómico co obxectivo de involucrar a todos os galegos na celebración do vindeiro Ano Santo.  

 Durante a presentación, Valentín García gabou o importante que é para as letras galegas recuperar de xeito público un autor do século XIII tan importante e tan pouco coñecido e destacou a iniciativa da asociación Apecsa que pretende promover os valores xacobeos a través deste personaxe que se incorpora ao itinerario como figura literaria.  

 Ademais da presentación, tamén se celebrou unha mesa redonda na que participaron os principais estudosos e expertos deste autor ente os que se atopaban Dulce Fernández Graña, do IES Eusebio da Garda, da Coruña, e autora dunha tese fundamental para o coñecemento do autor; Xulio Pardo de Neyra, da Universidade da Coruña e autor do libro Martín de Padrozelos, o primeiro trobador da lírica galego-portuguesa?; José Martinho Montes Santalha, profesor da Universidade de Vigo e especializado en literatura medieval, así como Baldomero Iglesias Dobarrio, histórico membro de Fuxan os ventos e agora de A Quenlla, formación galega responsable de musicar o libro-disco. Tamén participou na mesa de debate Luis Celeiro, da Universidade de Santiago de Compostela, xornalista e coordinador do proxecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario