SAN XEROME APOSTA POLO DEREITO Á EMANCIPACIÓN DAS PERSOAS CON DIVERSIDADE INTELECTUAL A NIVEL EUROPEO
A Asociación San Xerome Emiliani lidera o proxecto europeo “SOÑO CON-VIVIR CONTIGO - A diversidade intelectual sen límites para unha vida autónoma e independente”, cofinanciado polo Programa Erasmus+ Mocidade
A Asociación San Xerome Emiliani lidera o proxecto europeo “SOÑO CON-VIVIR CONTIGO - A diversidade intelectual sen límites para unha vida autónoma e independente”, cofinanciado polo Programa Erasmus+ Mocidade
A esquerda da imaxe, Feliciano Valcárcel Portela, xerente do Centro San Xerome Emiliani, dirixíndose ás persoas que asistiron á presentación do proxecto
Fotos: C.S. Xerome
Infogauda / A Guarda
A Asociación San Xerome Emiliani, da Guarda (Pontevedra), entidade sen ánimo de lucro promovida por nais, pais, familiares e amigos de persoas con diversidade intelectual, lidera o proxecto europeo “SOÑO CON-VIVIR CONTIGO - A diversidade intelectual sen límites para unha vida autónoma e independente”, cofinanciado polo Programa Erasmus+ Mocidade.
Desde a Asociación San Xerome Emiliani salientan que “o devandito proxecto responde a unha necesidade das persoas con diversidade intelectual e as súas familias, para as que San Xerome traballa día a día: o seu dereito á emancipación.
Os mozos con diversidade intelectual, como calquera outro mozo da súa idade, soñan con poder gozar dunha vida autónoma, independente das súas familias. En moitos casos, os que teñen parella, soñan con poder convivir con elas, para desenvolver plenamente, como o resto de parellas, as súas relacións afectivo-emocionais. Tamén, aqueles que non teñen parella, soñan con “vivir con amigos” ou de forma individual, nun ambiente xuvenil, cooperativo e enriquecedor”.
Para dar resposta a este dereito, San Xerome lidera, desde xaneiro de 2019, un proxecto europeo Erasmus+ no que, xunto con outras 7 entidades sociais galegas (ACEESCA, AMICOS, AMIPA, APAMP, ASPABER, ASPADEX e Centro Juan María) e 1 entidade italiana (Associazione Pegaso) traballan conxuntamente na identificación, definición e posta en marcha de Solucións residenciais innovadoras que respecten os dereitos, desexos e soños de emancipación das persoas con diversidade intelectual para as que traballan.
Desde o pasado mércores 27 de novembro ata hoxe, San Xerome foi anfitrión, xunto coas 7 entidades galegas do proxecto, acollendo a unha delegación de profesionais da Associazione Pegaso, entidade italiana que recibiu o premio de excelencia “Premio cidadán europeo”, outorgado polo Parlamento Europeo en 2016, como recoñecemento ao seu bo facer na posta en marcha da iniciativa residencial Casa Pegaso.
Durante tres días de intenso traballo conxunto, esta visita de estudo permitiu ás 9 entidades sociais intercambiar coñecementos, experiencias, boas prácticas, reflexións e conclusións que teñen como resultado o enriquecemento conxunto, e a xeración de novas ideas e propostas innovadoras, para conseguir que as Administracións públicas de referencia respecten e recoñezan o dereito á emancipación das persoas con diversidade e a súa calidade de vida.
Esta visita de estudo levada a cabo esta semana complementa e completa a realizada polas 8 entidades galegas á sede italiana de Casa Pegaso o pasado marzo de 2019, que serviu como punto de partida desta proposta de cambio social.
Agradecer a Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, e Juan A. González, Alcalde de Nigrán, a súa participación, apoio e interese polo proxecto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario