28 de nov. de 2019

LABORAL

A CIG-Industria reclama máis seguridade laboral en Lear cunha protesta no Porriño 

A empresa de automoción rexistrou 2 sinistros mortais nos últimos meses

A federación de Industria da CIG de Vigo desenvolveu hoxe unha concentración ás portas de Lear Corporation no Porriño
Foto: CIG

Infogauda / O Porriño

 A federación de Industria da CIG de Vigo desenvolveu hoxe unha concentración ás portas de Lear Corporation no Porriño para reclamar máis seguridade laboral na empresa do sector da automoción, despois de que nos últimos meses se rexistrasen tres accidentes graves, dous deles mortais. A central denuncia os altos niveis de precariedade laboral e subcontratación e insta a Inspección de Traballo e Fiscalía a actuar para depurar responsabilidades.  

 Traballadores/as de Lear e delegados/as sindicais da industria viguesa do automóbil participaron nunha protesta que se desenvolveu de 11:00 a 12:30 horas nas instalacións da compañía no polígono das Gándaras, onde despregaron unha faixa na que se podía ler “A precariedade laboral mata”.  

 Ao remate da mobilización, o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, tomou a palabra para asegurar que a sucesión de accidentes laborais de tanta gravidade nesta empresa “non poden ser casualidade”.  

 O responsábel sindical fixo fincapé na elevada precariedade das condicións de traballo e nas cadeas de subcontratación, xa que Lear nútrese de persoal de ETT, empresas multiservizos e Centros Especiais de Emprego, o que se traduce na entrada de traballadores/as sen a experiencia nin a formación axeitada para os postos que logo ocupan.  

Galiza, á cabeza en sinistralidade  

 Tamén lembrou que Galiza está á cabeza da sinistralidade laboral grave no conxunto do Estado, unha problemática que non para de medrar a raíz das sucesivas reformas laborais aprobadas por PP e PSOE. “Agora ademais atopámonos con que os traballadores/as poden ser despedidos/as por coller varias baixas laborais aínda que sexan xustificadas, o que fai que moitas persoas vaian ao traballo por medo aínda que non se atopen en condicións óptimas”.  

 Finalmente, instou a Inspección de Traballo e a Fiscalía a investigar o que está a acontecer en Lear, onde se rexistraron tres accidentes moi graves nos últimos meses -os dous últimos con resultado de morte-, “xa que son as administracións públicas as encargadas de velar pola saúde e seguridade dos traballadores/as”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario