20 de nov. de 2019

ENSINO

CCOO-Ensino chama a concentrarse o xoves pola recuperación do horario lectivo do profesorado galego      

«Non queremos traballar menos: queremos traballar mellor», sinalan os sindicatos do ensino  



Infogauda / Galicia

 CCOO-Ensino e as outras organizacións con representación no ámbito chaman a concentrarse nas sete grandes cidades o xoves, 21 de novembro, pola recuperación dos horarios lectivos de 21 horas en primaria e de 18 en secundaria. As protestas serán todas ás 19:30 horas. «Non queremos traballar menos: queremos traballar mellor», afirman os representantes do profesorado.

 As concentracións terán lugar após a negativa da Consellaría de Educación de atender estas peticións. Se o departamento autonómico persiste nesta posición, o profesorado irá á folga o vindeiro 12 de decembro.  

Redución do horario lectivo, non do laboral  

 Os sindicatos insisten en que as demandas do profesorado son «xustas». Ademais, aclaran que non están a pedir unha redución do horario laboral, senón do lectivo. Isto permitiría usar máis horas para tratar cuestións organizativas e dar unha atención personalizada ao alumnado.  

 A secretaria xeral de CCOO-Ensino, Luz López, coida unha «falta de respecto» que a Xunta teime en non tratar esta cuestión, xa que a Administración galega foi das primeiras en acometer recortes en todo o Estado, mentres que na recuperación de dereitos «vai a remolque». A dirixente sindical insta a Consellería de Educación a «tomar nota» doutros Gobernos autonómicos que xa iniciaron ou mesmo remataron o proceso de recuperación do horario lectivo previo ás modificacións do 2012.  

Lugares das concentracións do xoves, 21 de novembro (todas ás 19:30 horas) 

— A Coruña: IES Eusebio da Guarda 
— Ferrol: edificio da Xunta 
— Santiago de Compostela: praza do Toural 
— Lugo: Subdelegación do Goberno 
— Ourense: Subdelegación do Goberno 
— Pontevedra: praza da Ferrería 
— Vigo: diante do MARCO

Ningún comentario:

Publicar un comentario