28 de nov. de 2019

EMERXENCIAS

A Xunta de Galicia avoga pola cooperación transfronteiriza para acadar avances na atención e xestión das emerxencias  

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na inauguración da cuarta edición do Alto Minho Firecamp, un seminario de referencia sobre incendios forestais incluído no proxecto ARIEM+

O Goberno galego lidera este programa, no que participan Portugal e Castela e León, destinado á prevención e mitigación dos efectos do cambio climático mediante unha xestión conxunta dos recursos

     Foto: X.G.

Infogauda / Viana do Castelo

  O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na inauguración da cuarta edición do Alto Minho Firecamp, un seminario que se celebra cada dous anos sobre os incendios forestais e o cambio climático, e que se enmarca nas actuacións do proxecto ARIEM+ liderado pola Xunta. Na súa intervención, destacou a importancia da cooperación transfronteiriza para acadar avances na xestión e atención das emerxencias que repercuten en beneficio dos cidadáns.  

 Villanueva incidiu en manter e fortalecer esta cooperación co norte de Portugal e incluír a novos socios, como é o caso de Castela León, que tamén forma parte do ARIEM+. A través deste proxecto, a Xunta colabora con Portugal e con Castela e León en materia de emerxencias e riscos transfronteirizos, en torno á prevención e xestión de riscos naturais relacionados co clima e coas actividades humanas. Nesta liña, o director xeral de Emerxencias sinalou que a cooperación entre rexións fronteirizas permite acadar máis eficiencia e tamén máis oportunidades para acceder a fondos comunitarios no novo modelo financeiro da Unión Europea.  

 Ás xornadas tamén asistiu o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, que ofreceu unha ponencia sobre o ARIEM+ e as vantaxes de compartir recursos transfronteirizos. Este proxecto, ademais de avaliar a prevención de riscos naturais e por factores humanos, define as medidas de adaptación e mitigación do cambio climático con medidas para sensibilizar á poboación, de protección civil e relacionadas coa creación de sistemas e infraestruturas de xestión de catástrofes.  

 Así, no marco deste programa que da continuidade ao ARIEM 112, a Xunta e os seus socios traballan na xestión conxunta dos recursos humanos e materiais en situacións de risco para mellorar a atención e a coordinación das emerxencias dun e outro lado da fronteira, xunto coa identificación dos riscos da zona e a posta en marcha dun plan de actuación contra eles.  

 O Alto Minho Firecamp reunirá hoxe e mañá a expertos, persoal dos servizos operativos de combate e prevención de incendios, técnicos e responsables de administracións de distintos países para compartir coñecementos. Nesta cuarta edición do seminario abordarase o papel da administración pública na prevención e na extinción de incendios, o uso do lume e as súas modificacións na paisaxe e a investigación e a operativa no combate dos futuros lumes. Este espazo de debate é xa un referente na análise do problema dos incendios forestais e nos riscos que supoñen as alteracións provocadas polo cambio climático.

Ningún comentario:

Publicar un comentario