28 de nov. de 2019

IGUALDADE

Carmela Silva recolle o premio Meninas á Deputación de Pontevedra, única institución pública galega distinguida este ano polo seu labor a prol da igualdade  

A presidenta provincial lanzou o reto ás administracións "para dar un paso adiante e non organizar actos ou foros nos que non haxa unha representación paritaria

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego - na primeira fileira, 2ª pola dereita -, recolleu hoxe no acto da Delegación do Goberno en Galicia, en Santiago de Compostela, o premio Meninas 2019
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, recolleu hoxe no acto da Delegación do Goberno en Galicia, en Santiago de Compostela, o premio Meninas 2019 pola súa contribución á Igualdade. A Deputación, única institución galega merecente do galardón que patrocina o Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, ve deste xeito recoñecido o seu labor neste eido, que comezou no ano 2015, ao chegar ao goberno provincial, coa creación do servizo de Igualdade e, a partir de entón, pola continua actividade a prol da igualdade e a loita contra as violencias machistas.  

 Durante a cerimonia de entrega en Compostela, que pecha unha semana marcada polas conmemoracións do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, destacouse a  acción continua e o esforzo da Deputación de Pontevedra "en tódolos ámbitos da vida política, económica, cultural e social da provincia". Recoñeceuse a súa colaboración con entidades de iniciativa social e tamén cos concellos e citouse o desenvolvemento de accións de sensibilización e a posta en marcha de campañas contra as violencias machistas. De feito, o delegado do Goberno, Javier Losada, recalcou no seu discurso que o premio para a Deputación pontevedresa débese "ao seu compromiso coa Igualdade de palabra e de obra" e engadiu, ademais, "un recoñecemento especial a Carmela Silva, porque ela sabe o que é sufrir o machismo en primeira persoa". 

 A presidenta da Deputación, que subiu ao estrado acompañada da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, lanzou un reto na súa intervención. Invitou ás administracións públicas a non organizar ningún acto institucional, xornada ou conmemoración na que non haxa unha representación paritaria de mulleres e homes. "Estamos fartas de ver fotos con presencia exclusiva de homes", denunciou. "As mulleres estamos en tódolos eidos, somos o 52% da poboación e o 54% das persoas tituladas, temos os mellores expedientes, os currículos máis notables e por iso  queremos estar en todo e dirixir a metade de todo". 

 Carmela Silva comezou o seu discurso de agradecemento lembrando ás 52 mulleres asasinadas no que vai de ano pola violencia machista e ás 1.028 dende que hai rexistros, é dicir, dende 2003, "e a todas as mulleres asasinadas polo feito de ser mulleres aínda que non estean recoñecidas na Lei". Subliñou Silva que para a Deputación de Pontevedra non hai prioridade maior que a Igualdade e o traballo constante para loitar contra a invisibilización, o silencio e o maltrato das mulleres. Neste senso fixo unha defensa explícita da linguaxe inclusiva "porque o pensamento nace da linguaxe".  

 A presidenta provincial rematou con dúas citas de feministas tan coñecidas como Amelia Valcárcel e Simone de Beauvoir. Aproveitou a advertencia da escritora francesa sobre a suficiencia dunha crise para que se volvesen cuestionar os dereitos das mulleres, para retar aos negacionistas da violencia de xénero "que campan por España e polo mundo": "Como ela dixo, estamos vixiantes, estamos alerta e sen dar un paso atrás. Que saiban que non o imos a consentir". En declaracións previas aos medios de comunicación, Silva felicitou ao resto de colectivos que este ano recibiron o premio Meninas, así como ás persoas que obtiveron mencións polo seu traballo diario. Ademais, destacou a importancia deste tipo de galardóns, pois teñen, afirmou, "un enorme valor simbólico para visibilizar ás persoas que traballan polo obxectivo máis potente da humanidade, que é a Igualdade".  

 Xunto coa Deputación de Pontevedra recibiron o premio Meninas o Centro de Estudios de Xénero e Feminismos da Universidade da Coruña, a Asociación Mirabal de Betanzos, a Asociación de Mulleres Escola Rural de Saúde da Limia e a Asociación Aliad Ultreia. Recibiron mencións o equipo de Muller e Menor da Garda Civil de Pontevedra; a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño; a inspectora xefa da sección da Unidade Central de Redes de Inmigración Ilegal e Falsidades Documentais da Policía Nacional na Coruña; a Unidade de Familia e Muller da Policía Nacional de Lugo e, finalmente, a psicóloga no servizo de Xestión de Penas e Medidas Alternativas de Pereiro de Aguiar, Ana Belén Pardo López. Os Premios Meninas entréganse desde o ano 2004 a nivel estatal da man da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario