30 de nov. de 2019

CULTURA

Francisco Álvarez Álvarez “Koki” (dramaturgo, escritor e poeta): (...) O poeta que non lle preocupan os problemas sociais, a nivel xeral, tería moi pouca sensibilidade. Confeso que hai moita vanidade e moito papanatismo (...)”.

(...) Hai duas cousas que A Guarda sempre necesitou. Unha ponte con Caminha e conseguir que a autovía chegue de Tui a Guarda(...)”.

“(...) O que aconteceu na Guarda, é moi triste. Nas últimas eleccions viuse que os veciños querían un cambio. Chegou ao concello un partido con ideas frescas e boicoteárono (...)”. 


 Francisco Álvarez Álvarez “Koki”
Foto: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda 


 De orixe proletaria, comezou súa andaina literaria na súa aldea de nacemento, para anos máis tarde proxectarse na metrópole onde viviu na súa propia pel unha situación semellante, en gran medida, a das persoas que viven en clandestinidade. Co tempo, unha vez regularizada súa situación, pasou a ser un emigrante con papeis, como adoitamos decir coloquialmente.   

 Sen perder súas referencias de orixe, en Nova York foi onde tivo máis contacto coa realidade literaria hispana. E alí foi tamén, onde botou a andar a Asociación Celso Emilio Ferreiro, coa que desenvolveu o activismo cultural que xa comezara na nosa Terra.   

 Ao longo da súa estadía na devandita cidade norteamericana, ademáis de traballar no restaurante Petaluma, tivo unha intensa actividade literaria, dando ao lume varios dos seus libros creados a outra beira do Atlántico. Alí coñeceu a persoas como o colombiano Miguel Fálquez Certain con quen estreouse como dramaturgo, coa obra de teatro “Quemar las naves”, da que son coautores, e coa que obtiveron o Premio Teatro Latino; ou o escritor e profesor Dino Pacio Lindin (A Pastoriza – Lugo, 1934), entre outras, coas cales mantivo unha estreita amizade.    

 En Nova York acadou os premios Federico García Lorca e o do Círculo de Escritores y Poetas Iberoamericanos.   

 De retorno á Galicia, o poeta mantén activo seu labor creativo ao mesmo tempo que amosa seu inconformismo e súa crítica a todo aquilo que na súa opinión é necesario transformar. 

 Na súa terra natal exerce como fillo, como esposo, como irmán, como pai, como avó e como veciño.  

 Referímonos a Francisco Álvarez Álvarez “Koki” (A Estivada – A Guarda, 1957). Autor dunha ampla bibliografía poética bilingüe (galego e castelán), tamén publicou relatos curtos, contos infantís,..., colabourou en prensa, e ten activas varias liñas de traballo literario, como poeta, como dramaturgo e tamén como activista cultural que nos avanzou a micrófono pechado, sen ningún tipo de reservas, e que polo de agora, por decisión persoal deste cronista non imos desvelar, pois tempo haberá para iso.

 Con Francisco Álvarez Álvarez “Koki”, vimos de manter á seguinte entrevista:
 
De novo en Galicia, pode decirse que Vde. é un galego que retornou con éxito da emigración en Norteamérica, ou sinte nostalxia da súa vida na “Gran Mazá”?  

- O noso éxito, da miña compañeira e meu, foi traballar arreo e aforrar. Nós necesitamos pouco para vivir. Estivemos cinco anos ilegales e logo que legalizamos a nosa situación, buscámonos a vida o mellor que puidemos. Nova York é un lugar onde o cruzamento de culturas faite soñar. Nada ten que ver co resto do país.  

En que proxectos máis inmediatos anda agora o maxín de Francisco Álvarez – Koki?  

- Despois de editar unha antoloxía de poetas españois en Nova York, agora estou coordinando unha antoloxía de poetas hispanos en Nova York, que espero que saia no 2020, en Sial Pigmalion, de Madrid.   

Logo da súa próxima estadía en Cuba, qué sorpresa nos reserva deseguido?  

- Miña participación no IX Encuentro de Poetas en Cuba “La Isla en Versos”. É un evento internacional de poesía. Xa me convidaran o ano pasado, pero non puiden ir, así que este ano espero estar alí con todos os poetas.  

Co “Libro de Lourenzo”, o autor [Francisco Álvarez – Koki] continúa súa traxectoria de crear historias para o lectorado infanto-xuvenil. Cal será súa achega vindeira?  

 - Estou traballando nun libro - Olivia e o clarinete máxico -, e as ilustracións van ser de un pintor da Guarda.     

No que respecta a súa corda lírica, ten algo pronto para levar ao forno, ou ainda é preciso máis tempo de levedado?  

- Sempre hai algo. Este mundo mercantilista obriga a escribir para defendernos.  

Cambiando de tercio, cal considera que é hoxe en día a misión dos poetas?  

 - Creo que hoxe en día e sempre, é a de educar e defender o pobo. O poeta que non lle preocupan os problemas sociais, a nivel xeral, tería moi pouca sensibilidade. Confeso que hai moita vanidade e moito papanatismo.   

Cómo olla Vde. o panorama político no ámeto máis inmediato? 

- A nivel xeral, Pedro Sánchez, demostrou pouca responsabilidade. Tamen é certo que tivo moitas presións, dende a patronal ata os vellos dinosaurios do seu partido, que traicionaron a ilusión de todo un país. Pero perdeuse moito tempo, moitos cartos e deulle aire a ultradereita.

 Tamén teño que decir, que no debate estaba Cataluña e o Pais Vasco. Galicia foi a gran ausente. Iso quere decir que non temos quen nos represente en Madrid. A nosa transición, que nola venderon ben vendida, só foi boa para os torturadores. Aí toda culpa tívoa a esquerda.  

Cal é súa valoración do acontecido na vila de A Guarda logo das Eleccións Municipais de maio deste ano?  

- O que aconteceu na Guarda, é moi triste. Nas últimas eleccions viuse que os veciños querían un cambio. Chegou ao concello un partido con ideas frescas e boicoteárono. A Guarda non é só unha rúa, se non que ten que ser un proxecto de concello. Só temos que ollar para Tomiño ou para O Rosal. Hai xente que leva na política tantos anos que xa nin se acordan. A Guarda non ten tido sorte coas distintas corporacións que políticamente a representaron. Os simpatizantes fan na política o que fan no fútbol, e temos que ser críticos. 

 Penso que si se rompeu ese compromiso político, alguén tería que dimitir e que gobernase a lista máis votada. Xa se perderon moitos anos na nosa vila, e ahora vanse perder catro anos máis. Pero iso a quen lle importa? Ao final do mes cobramos.      

Desde súa particular percepción, que precisa A Guarda para o verdadeiro progreso da colectividade?  

- Hai duas cousas que A Guarda sempre necesitou. Unha ponte con Caminha, para ter un movemento transfronteirizo. E conseguir que a autovía chegue de Tui a Guarda. 

 Dende que era un neno crecín escoitando que se ía a faer unha ponte a Caminha. Pasaron os anos e o concello de Tomiño fixo a ponte e agora construirá a segunda ponte, e na miña vila, miramos para outro lado.

 Non hai tecido industrial. Creo que somos o único concello que ten mais mocidade nas Canarias. 

 As empresas non teñen un polígono industrial. É unha vergoña que a Sociedade Atlética do Trega, tivese que irse para Tomiño. Da moita pena. 

 Eu quixera contar outras cousas e non estas realidades. A realidade é que moita xente métese en política. Van a saco. Eles saben o que quero decir.  

Algo máis que engadir? 

- Esperar un milagre, para que o Concello de A Guarda poida ter aqueles guardeses de primeira que tanto nos deixaron feito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario