A concelleira de Igualdade e a traballadora social do CIM de A Guarda participaron na presentación da campaña da Deputación ao fío do Día Internacional contra a Violencia de Xénero
O Pazo da Deputación conta xa coas dúas lonas renovadas nas que figuran os nomes das 1.027 mulleres asasinadas en España nos últimos 16 anos
A concelleira de Igualdade, Fátima
Rodríguez Marcos e a traballadora social do Centro de Información á Muller (CIM) de A Guarda, tamén participaron no acto
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, acompañada de deputadas provinciais, alcaldes e alcaldesas e mulleres implicadas nos programas de igualdade da institución provincial, presentou a programación de actividades a desenvolver con motivo do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, nun acto no que tamén se puido escoitar a música reivindicativa de Laura Lamontage.
Co lema “Sementando para a igualdade”, a campaña da institución provincial estenderanse dende esta mesma semana ata decembro, para reivindicar, tal e como asegurou a presidenta, que “non hai nada máis urxente nin máis prioritario que loitar contra as violencias machistas. Imos rematar con todo este sufrimento e dor que levamos ás costas as mulleres”.
Asistiron ao devandito acto a concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez Marcos e a traballadora social do Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de A Guarda, destacando que xa neste mes arrancan as primeiras actividades 2019-2020 de "Mulleres en Acción. Violencia Zero" entre a que se atopa a que se celebrará na vila guardesa, en outubro de 2020, coa intervención poética de Lúa Mosquetera.
Carmela Silva aproveitou a ocasión para “recordar esta crueldade intolerable” e reivindicou “que de forma inmediata, as primeiras iniciativas do novo goberno do Estado sexan a aprobación de leis contra a prostitución e a trata de mulleres e que se modifique o Código Penal. Debemos defender o dereito a ser mulleres libres e respectadas, precisamos normas que amparen os nosos dereitos e por iso agardo que sexan as primeiras iniciativas que se aproben”. A presidenta incidiu en que “a Deputación de Pontevedra é abolicionista porque a prostitución é unha lacra intolerable, unha violencia brutal e temos un compromiso firme e real contra as violencias machistas”. “Todas nós temos moi claro que a loita pola igualdade é unha cuestión de 365 días ao ano pero certamente novembro é un mes especial porque o 25, as mulleres, acompañadas dalgúns homes, loitamos e denunciamos as violencias que padecemos”, asegurou Carmela Silva. Por ese motivo, durante o acto de presentación da programación de actos de igualdade se despregaron dúas lonas actualizadas cos nomes das mulleres asasinadas dende que hai rexistros. “Non imos esquecer a esas mulleres asasinadas polo machismo, 51 no que vai de ano e dende que se contabilizan os datos da violencia machista 1.027 mulleres asasinadas en España, que deixaron 275 menores orfos e orfas, das cales 61 eran galegas e 25 da provincia de Pontevedra”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario