O BNG de Tui renovou o seu Consello Local
Está coordenado polo responsábel local, Josué Campos
Participantes na Asemblea Local do BNG de Tui
Foto: BNG / Tui
Foto: BNG / Tui
Infogauda / Tui
Mediante unha nota de prensa remesada no día de hoxe a Redacción deste xornal dixital transfronteirizo, os nacionalistas de Tui veñen de comunicar que "no pasado día 4 de outubro" celebraron a súa "Asemblea Local onde, nun concorrido acto, se analizou a situación desta organización política e se fixaron os obxectivos para este novo mandato eleitoral".
As referidas fontes afirman que no decurso desa asemblea "valorouse como moi positivo o traballo dos representantes municipais, Carme Núñez e X. M. Martínez Tato e decidiuse impulsar e apoiar ainda mais a labor institucional de oposición municipal. Fixouse como indispensábel o rigor na fiscalización das accións do goberno do PSOE, apoiando as iniciativas que concorden co programa do BNG e denunciando as que sexan consideradas negativas para os intereses do pobo e das clases traballadoras".
"Entre os eixos fundamentais para desenvolver neste período" poñen en destaque "a defensa do medio ambiente, -campo no que xa se teñen preparadas e presentadas mocións no pleno-, o coidado e posta en valor do noso patrimonio histórico, tanto na cidade como nas parroquias, os servizos sociais e a participación cidadá".
Tamén fixeron público que "unha reunión posterior á Asemblea, serviu para tratar aspectos organizativos e de funcionamento interno. Decidiuse asimesmo aumentar mellorar a comunicación cos colectivos sociais, culturais e desportivos do concello, e intensificar os labores comunicativos ligados ás redes sociais".
Finalmente indican que "o novo Consello está coordenado polo responsábel local, Josué Campos, e nel designaronse, entre outros, responsábeis de organización, de política municipal e de comunicación".
Ningún comentario:
Publicar un comentario